Eleccións Autonómicas 2024 Política social

Besteiro comprométese a rematar as obras do CAPD de Ourense

BESTEIRO REMATARÁ AS OBRAS DO CENTRO DE ATENCIÓN A PERSOAS CON DISCAPACIDADE DE OURENSE PARA ACABAR CUNHA DISCRIMINACIÓN “HISTÓRICA” QUE VIVE A CIDADE E A PROVINCIA

O candidato á Presidencia da Xunta mantivo un encontro esta tarde con representantes da plataforma ProCAPD que levan máis de 8 anos loitando porque a Xunta de Galicia, con Feijóo e Rueda á cabeza, escoiten as súas reivindicacións

Ourense é a día de hoxe a única provincia de todo Galicia que non conta cun centro destas características para adultos, tras anos de “desleixo” e “inacción” dos gobernos autonómicos do Partido Popular

Os e as socialistas reivindican un CAPD de xestión “pública e directa” tal e como reivindican as familias con fillos con discapacidade

Ourense, 22 de xaneiro de 2024. O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe en Ourense que rematará as obras do centro de atención para adultos con discapacidade para rematar cunha discriminación “histórica” que vive a cidade e a provincia, a única de Galicia sen un centro destas características. Besteiro asegurou que os e as socialistas apostan por un modelo de xestión “pública e directa”, tal e como demandan as familias con fillos con discapacidade.

O candidato socialista mantivo un encontro esta tarde con representantes da plataforma ProCAPD que levan máis de 8 anos loitando porque a Xunta de Galicia, con Feijóo e Rueda á cabeza, escoiten as súas reivindicacións. Os e as socialistas comprométense deste xeito a rematar con anos de “inacción e desleixo” do Partido Popular e a por fin ao “abandono” que viven os familiares con fillos con discapacidade a cargo, “tras 7 anos de reivindicacións e unha demora continuada na finalización das obras, que seguen agardando o seu remate”.

Dende o PSdeG-PSOE lembran que no ano 2016, tódalas forzas políticas da cidade asinaron un compromiso para que o CAPD de Ourense fose unha realidade, pero tal e como apuntan “o PP descolgouse deste acordo no ano 2019, negándose a reeditalo”. A partir de entón e tal e como explican os e as socialistas os “incumprimentos” foron a tónica xeral do goberno autonómico, a pesar de estar falando dunha obra “imprescindible” para a cidade e a provincia de Ourense.

“É unha cuestión de dereitos das familias e dos nenos e adultos, xa que en todas as provincias existe un centro destas características, público, con prazas públicas e de xestión pública e directa da Xunta de Galicia, no que os traballadores forman parte da administración galega”, sinalan os e as socialistas.

A representante da Plataforma ProCAPD, Eva Guitérrez, denunciou que levan esperando dende 2016 polo centro público prometido pola Xunta e que xa existe no resto de provincias galegas: “Todo estes anos tivemos o apoio da cidadanía e as promesas incumpridas da Xunta” . Tamén lamentou  que a Consellería de Política Social “nunca nos recibiu nin nos escoitou”.