O GRUPO SOCIALISTA LAMENTA QUE JÁCOME USE O CONCELLO DE OURENSE COMO OFICINA DE COLOCACIÓN PARA “COMPRAR VONTADES” E URXE A QUE SE REACTIVE O PROCESO DE ESTABILIZACIÓN E SE ELABORE A RPT
“Defendemos unha política de persoal Ourense transparente e eficiente, totalmente oposta á que está a levar a cabo o alcalde nos últimos anos nesta institución”, afirmou rotunda a portavoz e secretaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González Benéitez
Lamentou que o proceder de Jácome e o seu partido xire arredor de “amedrentar e perseguir ao alto funcionariado, que lle saca as cores en materia económica, mentres vai enchufando amigos”
Ourense, 24 de xaneiro de 2024. “O grupo municipal socialista defende unha política de persoal no Concello de Ourense transparente e eficiente. Totalmente oposta á que está a levar a cabo o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, nos últimos anos nesta institución”, afirmou rotunda a portavoz e secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González Benéitez.
Así mesmo, sinalou que a situación é “caótica e gravísima”, cun proceso de estabilización de interinos e persoal laboral de máis de 100 funcionarios e funcionarias completamente paralizado. “Todo a sabendas de que o goberno local debe cumplir coa lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público e ter finalizado o proceso antes do 31 de decembro do presente ano”, engadiu a edil.
Nesta liña, lembrou que está a piques de caducar a oferta de emprego público de 2021 e non hai visos de convocatoria para as de 2022 e 2023. “Estamos, un ano máis, sen unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT). O Concello de Ourense converteuse na oficina de colocación de Democracia Ourensana cun gasto disparado, como nunca na historia, en asesores e en horas extra”, expuxo a voceira socialista.
Lamentou que o proceder de Jácome e o seu partido xire arredor de “amedrentar e perseguir ao alto funcionariado, que lle saca as cores en materia económica, mentres vai enchufando amigos e comprando vontades a cargo do gasto público, con cartos de todos e todas, intentando distraer á cidadanía con luces e orquestras”.
Rematou concluindo que o grupo municipal socialista insite na reactivación urxente do proceso de estabilización, en que non se deixen caducar as ofertas de emprego público de anos anteriores e en que se poña en marcha a redacción da nova RPT.

