O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA QUE JÁCOME FINANCIA DE NOVO A SÚA CAMPAÑA ELECTORAL A TRAVÉS DO DESPILFARRO DE CARTOS PÚBLICOS CO ENTROIDO COMO EXCUSA
“Non se debe esquecer que quen avalou recentemente, tanto esta partida coma a de un millón de euros en festexos, foi o grupo municipal do PP mediante a súa absteción”, afirmou a edil Alba Iglesias
“Tanto o PP como DO, pretenden cambiar votos por bonos, xogando cos cartos públicos de todas e todos con fins puramente electorais. Jácome e o PP son o mesmo e van en tándem a estas próximas autonómicas”, engadiu
Ourense, 27 de xaneiro de 2024. O grupo municipal socialista denuncia que Gonzalo Pérez Jácome estea a financiar, de novo, a súa campaña electoral a través do erario público e co entroido como excusa. “Por iso requerimos coñecer a canto ascenderá o gasto total da programación destas datas festivas no Concello de Ourense” advertiu a edil do PSdeG Alba Iglesias.
Nesta liña, os e as socialistas recordaron que se trata dunha práctica habitual para o rexedor, posto que xa o fixera co bono comercio e repetirá a estratexia co regalo de libros a nenos e nenas en campaña este mes de febreiro. Pero subliñan que “non se debe esquecer que quen avalou recentemente tanto esta partida coma a de un millón de euros en festexos foi o grupo municipal do PP mediante a súa absteción”.
“Tanto o PP como DO, pretenden cambiar votos con bonos, xogando cos cartos públicos de todas e todos con fins puramente electorais. Jácome e o PP son o mesmo e van en tándem a estas próximas autonómicas. Utilizan as institucións onde gobernan, neste caso Concello e Xunta, para manipular e comprar votos cos cartos da cidadanía”, criticou a tamén secretaria xeral de Xuventudes Socialistas en Ourense.
Instan, así mesmo, aos ourensáns e ourensás a que este entroido sexan capaces de quitar a careta a Rueda e a Jácome. “Que non te compren con bonos nin o PP nin DO, tanto monta monta tanto. Fan o que sexa para seguir no poder e para que Galicia continúe a esmorecer coma leva pasando nos últimos 15 anos”, apelou á veciñanza.

