Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Logramos a adopción dunha ordenanza de recollida de residuos industriais xusta para a provincia

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA LOGRA NA DEPUTACIÓN A ADOPCIÓN DUNHA ORDENANZA PARA A RECOLLIDA DE RESIDUOS INDUSTRIAIS “XUSTA” E “EXTENSIVA” A TODOS OS CONCELLOS

Aprobáronse en Pleno as alegacións socialistas á unha ordenanza do PP que “sancionaba a desigualdade” ao acordar avantaxes certas aos concellos do Pereiro de Aguiar e San Cibrao en detrimento do resto.

“Seguiremos a traballar para acabar coa discriminación sistemática do PP cara certos concellos e que as medidas sexan equitativas para toda a provincia”, destaca o voceiro socialista, Álvaro Vila.

O Barco de Valdeorras, 29 de xaneiro de 2024. O Grupo Provincial Socialista enxalza a aprobación no último Pleno da Deputación de Ourense dunha ordenanza para a recollida de residuos industriais non perigosos e especiais “xusta” e “extensiva” a todos os concellos ourensáns, despois de que o PP presentara unha proposta inicial discriminatoria para o groso de empresarios, xa que establecía unhas “zonas prioritarias” arredor da capital en detrimento do resto. “Unha proposta do grupo de goberno Popular que sancionaba a desigualdade e coa que os socialistas estábamos en total desacordo, e por iso presentamos unhas serie de alegacións urxentes solicitando unha ordenanza común para toda a provincia, que non outorgase privilexios a ningunha área.

Esta delimitación de diferentes áreas tiña impacto directo sobre o custo do servizo, que era substancialmente máis elevado para os operadores da “zona non prioritaria”. “Conseguimos que na súa forma definitiva a ordenanza sexa equitativa, xa que trata de igual xeito a operadores, empresarios e propietarios de industrias, talleres e almacéns independentemente da súa proximidade coa capital, beneficiándose das nosas alegacións polígonos coma este no que nos atopamos, no Barco”, sostén Alonso.

“Seguiremos a apertar” contra as discriminacións

“Logramos que a ordenanza garanta a prestación integral, axeitada e xusta dos servizos na totalidade do territorio da provincia dos servizos de competencia municipal para a recollida e tratamento dos residuos industriais no perigosos, que non era o caso na proposta inicial presentada polo grupo de goberno do PP”, destaca Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense.

“O PSdeG-PSOE segue a traballar para acabar coa discriminación sistemática do PP cara certos concellos. Á aprobación dun Plan Único de financiamento dos concellos sobre a base de criterios obxectivos e a rectificación dunha modificación de crédito da Deputación que excluía a once concellos no reparto, sendo oito do PSdeG-PSOE e tres do BNG, agora conseguimos que tomen en consideración das nosas alegacións para adoptar unha ordenanza que sanciona a igualdade de todos os municipios da provincia”, estima o voceiro socialista. “Seguiremos a apertar ao grupo de goberno do PP para que as medidas sexan equitativas para toda a provincia”, conclúe Vila.