Concello de Ourense INCENDIOS Sanidade

Pediremos un plan integral municipal de saúde mental e a posta en marcha do Consello de Xuventude

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DEFENDERÁ A CREACIÓN DUN PLAN INTEGRAL MUNICIPAL DE SAÚDE MENTAL E A POSTA EN MARCHA DUN CONSELLO MUNICIPAL DE XUVENTUDE

“Os trastornos de comportamento atópanse entre as principais causas de enfermidade e discapacidade nos e nas adolescentes e o suicidio é xa a cuarta causa de morte entre o grupo etario de 15 a 19 anos”, explica a edil María Fernández Ojea

Correspóndenos promover estratexias de vital importancia para que os nenos e nenas poidan ter un crecemento, individual e social, de calidade”, engade

Ourense, 30 de xaneiro de 2024. O grupo municipal socialista presentará, no próximo pleno ordinario de febreiro do Concello de Ourense, unha iniciativa para promover a saúde mental dende o ámbito municipal. “Un de cada sete rapaces de entre 10 e 19 anos padece alguna alteración mental”, destaca a edil do PSdeG, María Fernández Ojea sobre unha epidemia silenciosa contra a que é urxente actuar.

“Os trastornos de comportamento atópanse entre as principais causas de enfermidade e discapacidade nos e nas adolescentes e o suicidio é xa a cuarta causa de morte entre o grupo etario de 15 a 19 anos. Correspóndenos promover estratexias de vital importancia para que os nenos e nenas poidan ter un crecemento, individual e social, de calidade”, lamenta a encargada de defender a iniciativa.

Entre os puntos de acordo, para os que esperan acadar o apoio unánime da corporación, se inclúe a elaboración dun plan integral municipal de saúde mental dotado dos recursos económicos e profesionais suficientes para a súa posta en marcha. “Tamén solicitamos que se cree o Consello Municipal de Xuventude para escoitar as necesidades e demandas dos mozos e mozas e que se organicen actividades continuadas orientadas á poboación infantil e adolescente”, puntualiza a edil socialista.

A adolescencia é un periodo crucial para o desenvolvemento de hábitos sociais e emocionais importantes para o benestar mental. Cantos máis sexan os factores de risco aos que estean expostos os e as adolescentes, maiores serán os efectos que poidan ter na súa vida adulta. Detectalos e identificalos implicará corrixilos e porlles solución.