Eleccións Autonómicas 2024 Infraestruturas

Con Besteiro impulsaremos o soterramento da avenida Otero Pedrayo

O PSDEG APOSTARÁ POLO SOTERRAMENTO DE OTERO PEDRAYO PARA LOGRAR UNHA MELLOR “COHESIÓN” DA UNIVERSIDADE COA CIDADE, RACHANDO COA ACTUAL SITUACIÓN DE “ILLAMENTO”

Carmen R. Dacosta sinala que da man José Ramón Gómez Besteiro “apostaremos polo soterramento, pola humanización da zona, o aumento das zonas verdes, por lograr unha cohesión entre a universidade e o barrio das Lagoas e por garantir a seguridade viaria”

“O PP deu as costas ao proxecto de soterramento e Feijóo, Rueda e Ethel Vázquez apostaron por unha reforma low cost e por parcheos cutres, impedindo a cohesión e conexión da universidade coa cidade”, denuncia a candidata socialista ao Parlamento de Galicia

Ourense, 5 de febreiro de 2024. O PSdeG-PSOE apostará polo soterramento da Avenida Otero Pedrayo para lograr unha mellor “cohesión” da universidade coa cidade, rachando coa actual situación de illamento e desconxestionando o tráfico dunha das principais arterias de entrada a cidade. Os e as socialistas sinalan que a partir do 18 de febreiro, con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia, Ourense apostará por infraestruturas que melloren as conexións, faciliten a mobilidade e permitan humanizar estes puntos da cidade.

A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense estivo esta mañá na avenida de Otero Pedrayo comprobando de primeira man a situación desta estrada, punto neurálxico de entrada a cidade, e que foi reformada polo goberno autonómico do PP nunha obra “low cost” e “totalmente insuficiente” para responder as demandas da veciñanza. Os e as socialistas sinalan que “estamos falando dunha estrada, a OU-536 ao seu paso pola cidade, pola que circulan a diario máis de 15.000 vehículos, pois é a principal vía de comunicación cos polígonos industriais das contornas, urbanizacións e concellos moi vencellados á cidade de Ourense”.

A cabeza de lista dos e das socialistas ourensás ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, explica que o soterramento de Otero Pedrayo “xa era unha necesidade que o concello de Ourense, gobernado polos socialistas, e a Universidade de Vigo asumiron no ano 2008”. Sen embargo, tal e como subliña a futura parlamentaria socialista, “o PP deu as costas a este proxecto e Feijóo, Rueda e Ethel Vázquez apostaron por unha reforma low cost e por parcheos cutres, impedindo a cohesión e conexión da universidade coa cidade”.

“O único que fixo o PP foi construír dúas rotondas, instalar uns semáforos, dotar de novos pasos de peóns e empregar céspede artificial para adornar as glorietas”, apunta Rodríguez Dacosta. A nº 1 do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia fai fincapé en que da man de José Ramón Gómez Besteiro “apostaremos polo soterramento da avenida Otero Pedrayo, pola humanización da zona, o aumento dos espazos verdes, por lograr unha cohesión entre a universidade e o barrio das Lagoas e por garantir a seguridade viaria”.

Os e as socialistas aproveitan para denunciar a “chapuza” executada polo Partido Popular, con semáforos a saída das rotondas que “non fan máis que conxestionar a zona de tráfico e impedir unha unión eficaz neste punto da cidade”. Pero tal e como argumentan “isto cambiará da man dun goberno socialista ao fronte da Xunta, que si pensa en rachar coas barreiras que separan a cidade e en unir barrios e infraestruturas clave”.