O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “DESLEIXO” DO PP E RUEDA NA RÚA AURELANEO FERREIRO DE MACEDA, QUE SE ATOPA NUN ESTADO “LAMENTABLE” POR MOR DAS OBRAS “FARAÓNICAS” DA XUNTA
“Un ano despois do comezo das obras seguimos coa rúa levantada e sen beirarrúas, o que xera importantes problemas na mobilidade da veciñanza, así como aos negocios de hostalería e comerciantes”, denuncia a alcaldesa socialista, Uxía Oviedo
A candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen R. Dacosta, apunta a que a reforma da rúa Aurelaneo Ferreiro é un exemplo máis da “nefasta xestión de Rueda e Ethel Vázquez, que non son capaces de levar a cabo unha simple reforma dunha rúa”
Maceda, 10 de febreiro de 2024. O PSdeG-PSOE denuncia o “desleixo” do goberno autonómico do Partido Popular, que con Rueda á cabeza, mantén a rúa Aurelaneo Ferreiro, no centro de Maceda, nun estado “lamentable” por mor das obras “faraónicas” que está levando a cabo a Xunta de Galicia. Un ano despois do comezo das obras, estas seguen sen rematar provocando problemas de mobilidade á veciñanza e comerciantes.
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, mantivo un encontro coa alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios, para coñecer os problemas que a vila ten por mor das obras nunha das rúas neurálxicas do municipio. “Os problemas dende entón non cesan, xa que as eivas e deficiencias no proxecto provocaron continuos atrasos e ata a inundación de varios locais comerciais por mor das choivas”, apuntan os candidatos e candidatas socialistas.




A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo de Dios, explica que “xa fai un ano do inicio das obras e no mes de xuño, cando tomamos posesión como novo equipo de goberno comprobamos as numerosas deficiencias que existían na obra e puxémonos en contacto coa Axencia Galega de Infraestruturas para comentar a problemática”. A rexedora socialista sinala que coa chegada do mes de setembro e das choivas “varios locais inundáronse e entón a Xunta decidiu comezar unha obra faraónica para solucionar o problema, pero vemos que as obras non avanzan”.
“Un ano despois do comezo das obras seguimos coa rúa levantada e sen beirarrúas, o que xera importantes problemas na mobilidade da veciñanza que circula pola mesma, así como aos negocios de hostalería e comerciantes, que con estas obras teñen cada vez máis complicado seguir abertos”, apunta Oviedo de Dios. A alcaldesa de Maceda tamén afirma que “levamos meses solicitando o proxecto orixinal da obra, xa que houbo numerosos cambiazos, pero só obtivemos a calada por resposta por parte do goberno autonómico”. Finaliza facendo fincapé en que “queremos unha solución inmediata, porque non podemos seguir agardando e que Maceda e a veciñanza sega a sufrir as consecuencias da mala xestión do PP”.
Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, apunta a que a reforma da rúa Aurelaneo Ferreiro é un exemplo máis da “nefasta xestión de Rueda e Ethel Vázquez, que non son capaces de levar a cabo unha simple reforma dunha rúa”. A futura parlamentaria socialista denuncia que “os problemas son constantes”, xa que debido a demora “os viandantes non poden circular correctamente e houbo negocios afectados por inundacións”.
Dacosta destaca que o 18 de febreiro, con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia “estas situacións non volverán a suceder en Maceda, nin en ningún concello da provincia, e solucionaremos dunha vez por todas a problemática que está vivindo a vila con esta reforma faraónica”. A candidata socialista tamén subliña que “a diferenza do PP, os e as socialistas escoitamos á veciñanza e tomamos nota dos seus problemas e reivindicacións para darlles solucións reais e efectivas”.

