Eleccións Autonómicas 2024 GOBERNO ESTATAL

A rehabilitación do castelo de Monterrei, o exemplo da aposta do PSOE pola provincia

A REHABILITACIÓN DO CASTELO DE MONTERREI EXEMPLIFICA A APOSTA POLO DESENVOLVEMENTO CULTURAL E SOCIAL DE OURENSE DO GOBERNO DE ESPAÑA E DO QUE PODE FACER UNHA XUNTA PRESIDIDA POR BESTEIRO

“Coa mobilización de máis de 14 millóns de euros, o goberno de España aposta por iniciativas para apuntalar o despegue de Ourense, que se verán reforzados cun presidente socialista á fronte da Xunta de Galicia”, declarou Nacho Gómez Pérez.

Segundo este, “queda claro que sabemos cales son as prioridades da nosa terra, que sabemos gobernar para transformar a realidade da nosa provincia, da xente, e que o voto socialista é unha aposta decidida polo noso futuro”.

Monterrei, 15 de febreiro de 2024. A candidatura socialista por Ourense ao Parlamento de Galicia presentou o desbloqueo das obras de rehabilitación do castelo de Monterrei coma “exemplo claro esforzo inversor do goberno de España para que a nosa provincia vaia cara adiante a través da activación de proxectos directamente destinados ao desenvolvemento cultural e social”. “Coa mobilización de máis de 14 millóns de euros canalizados a partir de fondos europeos conseguidos polo Executivo de Pedro Sánchez en Bruxelas, o goberno de España aposta de xeito claro e decidido en iniciativas chamadas a apuntalar o despegue de Ourense, que se verán sen dúbida reforzados coa chegada dun presidente socialista, José Ramón Gómez Besteiro, á fronte da Xunta de Galicia tralo 18 de febreiro”, declarou Nacho Gómez Pérez, número 2 da lista socialista por Ourense para as eleccións autonómicas, aos pés do Castelo de Monterrei.

Gómez aproveitou a ocasión para afear o comportamento do PP co gallo do anuncio do inicio da rehabilitación do Castelo de Monterrei, casualmente o mesmo día en que Alfonso Rueda anunciaba a convocatoria electoral. Daquela, o pasado 21 de decembro, autoridades autonómicas e provinciais do PP escenificaron unha sinatura “contra o reloxo” das obras no monumento coa exclusión de representación do goberno do Estado. Unha actitude que foi cualificada de “desleal” e “ premeditada” polo delegado do Goberno en Ourense, Emilio González, quen tamén denunciou que o logo do Plan de Recuperación Transformación e  Resiliencia estatal foi “agochado” da carteleira. “Un acto vergoñento, que a Xunta, que é a responsable dos anos de parálise dos traballos, quixo vender como propio malia que non desembolsaron nin un só euro, no que é unha mostra máis do que son as formas de entender a política por parte do PP”, sinalou Gómez.

Segundo o socialista, “trátase dun fito do que non se debe facer en política, intentando abrogarse o PP todo o mérito dun logro que non é propio, coa agravante de que o Castelo leva precisamente pechado durante anos pola inacción dunha Xunta nomeadamente inoperante na nosa provincia”. “Os populares buscan a confrontación sistemática co goberno de España, pero a política non vai de confrontar, senón de transformar a sociedade, para o cal é imprescindible ter as ideas claras e ambición de país, que é o que aportará precisamente un goberno socialistas presidido por Besteiro”, fincou o número 2 da candidatura socialista por Ourense. Para Nacho Gómez Pérez, “ao igual que facemos no Castelo de Monterrei e noutros moitos lugares, queda claro que sabemos cales son as prioridades da nosa terra, que sabemos gobernar para transformar a realidade da nosa provincia, da xente, e que o voto socialista é unha aposta decidida polo noso futuro”.