O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA QUE JÁCOME PRESENTA UN “APAÑO CUTRE” DESPOIS DE 3 ANOS SEN UPO E NO QUE RECORTA DOUS TERCIOS DA OFERTA DE FORMACIÓN DO CONCELLO DE OURENSE
“Fulmínanse cursos de especial interese como os de idiomas ou os de artesanía. Polo tanto, solicitamos coñecer as memorias, as programacións didácticas e os criterios de selección, tanto do profesorado como dos cursos ofertados«, sinala a edil Cristina Cruz
Os e as socialistas advirten de que a nova escola representa “un apaño cutre” que só serve a Jácome para fulminar e diluir a UPO e cualifíican o seu proceder como “unha inquina propia e persoal” que ataca a un piar fundamental da sociedade ourensá
Ourense, 15 de febreiro de 2024. Dende o grupo socialista lamentan que o alcalde Gonzalo Pérez Jácome fulminase calquera resquicio do que foi a recoñecida Universidade Popular de Ourense. “No día de onte, o actual rexedor do goberno municipal facía pública, despois de reiteradas solicitudes do PSdeG, a oferta de obradoiros para este curso baixo a denominación de Escola Municipal Continua”, destaca a edil Cristina Cruz Fernández.
No que se refire a dita oferta, lembran que chega “tarde, mal e arrastro, como é habitual na xestión deste executivo” e que pasa de haber 140 cursos (na última convocatoria da UPO) a arredor de 50. Isto supón unha drástica redución de aproximadamente 2/3 en canto á nova oferta formativa.
“Fulmínanse cursos de especial interese como os de idiomas ou os de artesarnía. Polo que solicitamos coñecer as memorias, as programacións didácticas e os criterios de selección, tanto do profesorado como dos cursos ofertados. A nova Escola Municipal Continua presenta, como dixemos, unha formación flebe que non responde ás necesidades da cidadanía de Ourense e que non servirá para borrar o espíritu e a excelencia da Universidade popular”, engadiu taxante a edil socialista.
Os e as socialistas advirten de que a nova escola representa “un apaño cutre” que só serve a Jácome para fulminar e diluir a UPO e cualifíican o seu proceder como “unha inquina propia e persoal” que ataca a un piar fundamental da sociedade ourensá.

