Sobre a base de informacións publicadas, o Grupo Provincial Socialista demandou aclaracións e o compromiso do PP de non avanzar cara a privatización do servizo de recollida de lixo que presta a Deputación
Ourense, 23 de febreiro de 2024. Sobre a base de informacións publicadas en datas recentes, que indican que “a Deputación pedía dous meses para aclarar se vai privatizar o servizo de recollida de lixo”, e tendo manifestado o presidente Luís Menor a intención de manter a prestación de forma directa, o Grupo Provincial Socialista pediu aclaracións ao respecto. No Pleno do 22 de decembro de 2023 votouse unha moción socialista para instar ao goberno do PP a desbotar a privatización do servizo de recollida e tratamento de residuos que a institución presta en réxime de competencia delegada, apuntalando o seu carácter público e non mercantil. “De aquí a nosa sorpresa, cando vemos que están a valorar aínda a privatización do servizo”, destacou a deputada socialista Susana Rodríguez.
Neste senso, Rodríguez preguntou sobre o “mantemento da folla de ruta do Sr. Baltar, que si afirmaba a privatización, ou se, tal e como subliñou hai apenas un par de meses o presidente Menor, vaise garantir a prestación directa do servizo de recollida de lizo que presta a Deputación”. Na súa resposta o presidente garantiu o mantemento do carácter público e a prestación directa do servizo e que o escrito ao que alude a prensa “foi presentado en sede xudicial, respondendo unicamente a un trámite diante dos tribunais”. Segundo Menor, “é vontade clara e afirmada deste equipo de goberno non avanzar na privatización ou externalización, sustentando o carácter público e a prestación directa do servizo”.

