Susana Rodríguez inquiriu ao presidente sobre os fundamentos da financiación por parte da Deputación dunha obra sobre Eugenio Montes “para claramente enxalzar a figura dun recoñecido fascista”
Ourense, 23 de febreiro de 2024. O Grupo Provincial Socialista pediu aclaracións sobre a contratación pola Deputación de Ourense dunha biografía do escritor e político Eugenio Montes, figura sobranceira do fascismo español. Tal e como expuxo Susana Rodríguez, “a Deputación vai destinar un monto de 11.190,64 euros para a publicación de Eugenio Montes, o intelectual silenciado, unha haxiografía arredor dun importante e temperá apoloxista do fascismo español, con gran impacto no pensamento antidemocrático da España do primeiro terzo do século XX”. “Entre perfís cualificados e expertos a conclusión é clara e, ao contrario que Cunqueiro ou Risco, Montes non fixo unha viaxe de ida e volta, sendo considerado un fascista asumido e ideólogo orgánico da Falanxe española”, explicou Rodríguez.
A deputada socialista inquiriu sobre os fundamentos da decisión de financiar a elaboración e edición dunha obra “para claramente enxalzar a figura dun recoñecido fascista”, poñendo en dúbida o respecto da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática. Na súa resposta, o presidente Menor indicou que “a Deputación non tomou a decisión e moito menos para tratar a personaxe coma un santo”, remitindo ao envío ulterior do informe da xefa de Servizo de Publicacións da institución. Neste senso, Menor afirmou que a obra foi contratada a través dun concurso de concorrencia competitiva, que se trataba dun traballo colectivo, e non dun único autor, e que “en ningún caso hai un tratamento privilexiado dun autor destas características”.

