O PP NA DEPUTACIÓN DE OURENSE VOTA CONTRA UN “AMPLO PLAN DE AXUDAS” AO SECTOR AGROGANDEIRO QUE DEFENDÍA O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA
“A Deputación ten que estar a carón dos profesionais do sector, transcendendo a mera retórica e pasando a acción para distender a situación”, afirmou a deputada socialista Marina Vaz
A moción, que non saíu adiante polo voto contrario do PP, contemplaba “un amplo plan de axudas”, o cal é unha “práctica habitual noutras deputacións que si axudan aos sectores primarios”
Ourense, 23 de febreiro de 2024. O PP votou contra da Moción que o Grupo Provincial Socialista defendeu no Pleno da Deputación de Ourense para posta en marcha dun “amplo” plan de axudas directo a empresas, cooperativas e autónomos agrogandeiros con vistas a minorar os males que atravesa o sector. A deputada provincial socialista e gandeira ecolóxica, Marina Vaz, quen repasou algunha principais causas dun “problema complexo, que non ten unha única causa”, reclamou da Deputación “que estea a carón dos profesionais do sector neste delicado momento, transcendendo a mera retórica e pasando a acción a través da posta en marcha dun plan de subvencións específico para distender a situación”.
As causas das doenzas do sector pasan polas cargas burocráticas e estricas directrices que determina a Política Agraria Común (PAC), a necesidade de establecer prezos xustos, co obxectivo de que os custos de produción sexan inferiores ao importe de venda de produtores; a non actualización dos seguros agrarios para que dean conta das novas condicións xeradas polo cambio climático ou a urxencia de atallar as consecuencias dunha xeopolítica mundial axitada da ou o impacto de acordos chamados a incrementar o comercio internacional. “Produtores, industriais, distribuidores e transportistas outorgan prioridade a certos factores, segundo o seu particular rol e circunstancias, polo cal o obxecto das axudas deben ser o máis vasto posible”, indicou Vaz.
A Moción socialista, que non saíu adiante por mor do voto en contra do PP, pretendía que a Deputación “contribuíse de forma decidida cun amplo plan de axudas”. A deputada socialista destacou que “é habitual que outras deputacións do Estado dispoñan de subvencións para axudar aos seus sectores primarios”, evocando os casos de Alaba ou Biscaia, Málaga e Pontevedra, onde o impacto do agrogandeiro e moi inferior ao de Ourense e gobernadas as dúas últimas polo PP. “A sustentabilidade das explotacións pasa por alcanzar un grao de rendibilidade suficiente que, agora mesmo, require do empurre dos poderes públicos”, estimou a deputada socialista. “Nunha provincia onde o agropecuario é determinante a Deputación debería ser parte da solución”, sentenciou Vaz.

