O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO INSTA AO CONCELLO A REGULAR O RÉXIME ADMINISTRATIVO DA ACTIVIDADE DA VENTA AMBULANTE A TRAVÉS DUNHA ORDENANZA MUNICIPAL PARA AS FEIRAS
Os e as socialistas consideran que “é o momento” de que Viana conte cunha ordenanza reguladora das 2 feiras mensuais que se celebran no municipio e que a mesma estea consensuada con toda a corporación
Germán García-Ávila propón que “se estableza e delimiten os lugares onde deben instalarse os postos dos feirantes e que se recolla na mesma que a venda ambulante só poderá efectuarse os días de feira”
Viana do Bolo, 19 de marzo de 2024. O PSdeG-PSOE defenderá no vindeiro pleno municipal que se celebrará o xoves unha moción na que instan ao concello a regular o réxime administrativo da actividade da venda ambulante, a través dunha ordenanza. Os e as socialistas consideran que “é o momento” de que Viana conte cunha ordenanza reguladora das dúas feiras mensuais que se celebran no municipio e que a mesma estea consensuada con toda a corporación.
Dende o grupo municipal socialista explican que en Viana “cónstanos unha ordenanza reguladora das feiras elaborada en 1905 polo entón alcalde Miguel Courell Armesto”. Neste senso tamén apuntan a que “o concello, ante as preguntas do PSOE, non foi quen de confirmarnos a existencia doutra ordenanza máis actual, polo que no caso de existir, tivo que ser elaborada fai xa moito tempo”. Os e as socialistas destacan que ante esta situación “vemos como non hai unhas normas claras e coñecidas para os comerciantes que acoden ás feiras poidan desenvolver a súa actividade comercial da mellor das formas e causando as menores molestias posibles”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, sinala que “entendemos que se debe regular o réxime administrativo da actividade da venda ambulante e destacar tanto a atención aos requisitos que os e as comerciantes deben reunir para ter acceso á actividade, novidades e á transmisión das autorizacións para exercer a venda ambulante, como a simplificación da documentación a presentar”.
García-Ávila Arias tamén propón que “se estableza e delimiten os lugares onde deben instalarse os postos dos feirantes e que se recolla na mesma que a venda ambulante só poderá efectuarse os días de feira, precisando unha autorización expresa do concello para calquera outra venda ambulante”. O voceiro socialista explica que na moción “pedimos que se especifique na ordenanza o tipo de produtos que poden ser vendidos, non autorizando aqueles cuxa normativa o prohiba ou outros que non cumpran coas normativas técnico sanitarias e de seguridade”.
Entre as propostas presentadas polo grupo municipal socialista vianés tamén destacan a “fixación dos requisitos que os comerciantes deben cumprir, as licenzas e estar a corrente do pago de tributos e cotizacións; a fixación dun horario da instalación e recollida dos postos, así como a dimensión dos mesmos; que a instalación dos postos respecten o desenvolvemento cotiá da veciñanza; a limpeza do lugar unha vez se retiren os postos; o establecemento dunha taxa municipal por posto en función dos metros cadrados ocupados; ou a creación dun réxime sancionador por incumprimento das normas, fixando a contía das multas e demais accións a emprender”.

