O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO PRESENTA UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS SOBRE TEMAS DE “GRAN TRANSCENDENCIA” PARA O MUNICIPIO E A VECIÑANZA
Os e as socialistas cuestionan ao goberno sobre o local veciñal de Fradelo, a cuberta do pavillón de deportes, a mina de Penouta, a praza de abastos, ou o futuro aparcadoiro e centro de día que deben construírse en Viana
Viana do Bolo, 21 de marzo de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha batería de preguntas para que o equipo de goberno municipal responda acerca de temas de gran transcendencia para o municipio e a veciñanza. Os e as socialistas cuestionan ao goberno sobre o local veciñal de Fradelo, a cuberta do pavillón de deportes, a mina de Penouta, a praza de abastos, ou o futuro aparcadoiro e centro de día que deben construírse en Viana.
O grupo municipal socialista pon o foco no arranxo do local veciñal de Fradelo, xa que tal e como apuntan “xa solicitamos que se nos facilitara unha memoria do proxecto, pero só nos facilitaron un orzamentos, se o podemos chamar así, xa que simplemente se limita a enumerar unha serie de obras sen detallar metros nin prezo, e non contempla a revisión da instalación eléctrica, nin se da conta do número de focos colocados, nin da pintura detallada empregada”. Os e as socialistas consideran que “estamos ante un orzamento non cumpre as características para así definilo e no que nos chama a atención que o importe da obra sexa de 39.925 euros, xusto no límite dos 40.000 que é o importa das obras que o alcalde pode adxudicar directamente”. Pregúntanse se esta forma de proceder “conta con informes favorables ou reparos da secretaría e intervención?”.
A substitución da cuberta do pavillón de deportes é outro dos temas “relevante” para o PSOE vianés, xa que tal e como apuntan o 31 de outubro de 2023 asinouse o contrato de obra cun prezo de 181.500 euros con IVE incluído. Os e as socialistas amosan as súas dúbidas de se a cuberta foi substituída, xa que tal e como apuntan “temos información de que non se realizou a substitución, senón que se colocou a nova cuberta sobre a xa existente”. Ante esta situación entenden que o coste do contrato “non sería o antes citado, xa que quitar a cuberta ten un coste e non pequeno, polo que debería calcularse e restalo do importe fixado no contrato”. Resaltan que o contrato di literalmente “substitución da cuberta” e apuntan que “volve haber unha goteira”.
Outro dos temas sobre o que os e as socialistas veñen de cuestionar ao goberno local ten que ver coa mina de Penouta. Neste senso preguntan se o concello de Viana personouse ante o TSXG contratando os servizos dun letrado. O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias afirma que “somos favorables a que se presenten tódalas iniciativas que poidan axudar a apertura da actividade da mina, mais deben facerse de maneira que dean os mellores resultados, polo que consideramos que debería terse iniciado co da empresa e da Xunta, o que permitiría aforrar gasto ao concello e sería máis efectivo”.
Cuestións en relación a praza de abastos, aparcadoiro e centro de día
“Para cando teñen pensado pórse a traballar e darlle forma, procurando financiación e falando coas partes correspondentes ás dúas mocións de gran relevancia para Viana como o aparcadoiro da Praza Maior e o centro de día?”, pregúntase García-Ávila Arias. O voceiro socialista subliña que “xa debería terse buscado o financiamento inicial para empezar a darlle forma ao centro de día” e critica a “deixadez do equipo de goberno, que non foi quen de sentarse a falar coa dona do terreo para o posible aparcadoiro”.
En relación a praza de abastos lembran que o alcalde repetiu en numerosas ocasións que tralo arranxo da mesma esta destinaríase a locais sociais, pero no último pleno deixou caer que o uso que se lle vai dar e simplemente comercial. Ante esta circunstancia, os e as socialistas preguntan se “poden realizarse investimentos de máis de 800.000 euros (máis de 250.000 achegados polo concello) para dedicarse só a este uso?” e se “non cree que houbese sido mellor investir estes cartos noutras necesidades do concello”.
Outras cuestións de relevancia
Os e as socialista preguntan polo camiño aberto no edificio da extinta chacinera, que se atopa nun estado deplorable e se hai planificado convertelo nunha rúa. Tamén se cuestionan se pensan instalarse papeleiras nas diferentes rúas do municipio; se se elevou á Xunta a decisión aprobada en pleno da moción presentada polos socialistas para mudar o topónimo Pexeiros por Pixeiros;quen levou a cabo o corte dos chopos da piscina municipal e se procederán a sementar novas árbores e especies autóctonas; e se a última conta xeral aprobada foi remitida ao consello de contas”.
O grupo municipal socialista tamén pregunta pola estada de Edroso, na que se acumulan fochancas e se van actuar para solucionalo e como se atopa a colocación do repetidor de telefonía móbil que se lle prometeu aos veciños e ás veciñas de Ramilo.

