O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACADA O APOIO DA CORPORACIÓN PROVINCIAL PARA UNHA XESTIÓN PROFESIONAL E TRANSPARENTE DE MANZANEDA
A instancias do Grupo Socialista tamén se constituirá unha mesa de traballo para elaborar un plan estratéxico da Estación de Montaña de Manzaneda e avanzar cara unha xestión profesional e transparente.
Ourense, 22 de marzo de 2024. O Grupo Provincial Socialista tamén acadou un acordo para a constitución dunha mesa de traballo que elabore un plan estratéxico da Estación de Montaña de Manzaneda e que incluirá á Xunta de Galicia, representantes dos partidos con presenza na Deputación es os alcaldes de Manzaneda e A Pobra de Trives. Co voto favorable de todos os grupos agás DO, que se abstivo, aprobouse a Moción socialista para avanzar cara unha xestión profesional da Estación de Montaña de Manzaneda. “Unha xestión acaída coas esixencias dun complexo de tan particulares características e transparente, dotada dos mecanismos para que partidos e cidadanía poidan acceder a documentación e información sobre procedementos que desde hai anos ven reclamando o noso Grupo Provincial”, sinalou Tino Alonso, deputado socialista por Valdeorras.
Para este, “a situación é insostible, xa que, ao longo catálogo de irregularidades que o Grupo Provincial Socialista ven denunciando desde hai anos, temos que engadir a chea de críticas de usuarios da Estación, que chegan a afirmar que as instalacións son máis propias dun país non desenvolvido”. Considerando que “a secuencia de deficiencias derívase dunha serie de decisións erráticas adoptadas na máis absoluta das opacidades”, a Moción socialista que contou co apoio de PP e BNG, tamén prevé a adopción das medidas necesarias para o regreso ao consello de administración de Meisa, a entidade xestora, dos alcaldes da Pobra de Trives e de Manzaneda, garantindo así a representatividade dos territorios nos que se asenta a Estación, “como ocorre no Pirineo Aragonés ou Serra Nevada”.

