POLÍTICA PROVINCIAL

Ourense é a única capital galega na que o Concello non organizou un acto polo Día Internacional do Pobo Xitano

AS E OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE OURENSE É A UNICA CAPITAL DE PROVINCIA GALEGA NA QUE O CONCELLO NON ORGANIZOU UN ACTO PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO

Natalia González, secretaria xeral do PSdeG na cidade e portavoz do grupo municipal socialista, critica unha vez máis o “abandono total na área de Benestar Social cunha concelleira inexistente e un rexedor sen sensibilidade nin empatía”

Os e as socialistas apostan pola integración, a loita contra os prexuízos e a igualdade de dereitos e oportunidades para o pobo xitano o 8 de abril e durante todos os días do ano

Ourense, 8 de abril de 2024. O 8 de abril celébrase o Día Internacional do Pobo Xitano, co que se conmemora a fundación da Unión Romaní Internacional en 1978. Esta etnia en toda Europa conforma a minoría máis grande do continente e, desgrazadamente, continúa a padecer unha gran discriminación e exclusión social na actualidade. No noso país viven arredor dunhas 750.000 persoas que pertencen a esta cultura.

Dende o grupo municipal sinalan que en todas as grandes cidades galegas, a nivel municipal, foron numerosos os actos de visibilización e recoñecemento deste colectivo en colaboración, na maioría dos casos, coa Fundación Secretariado Xitano, ademais dos realizados por parte de outras institucións públicas. Non obstante, Ourense é, de novo, a excepción posto que o actual goberno de Gonzalo Pérez Jácome non organizou ningún acto.

A portavoz do PSdeG no Concello, Natalia González, critica unha vez máis o “abandono total na área de Benestar Social, cunha concelleira inexistente e un rexedor sen sensibilidade nin empatía” e lamenta que os afectados sempre sexan os colectivos máis vulnerables da nosa sociedade.

Os e as socialistas apostan pola integración, a loita contra os prexuízos e a igualdade de dereitos e oportunidades para o pobo xitano o 8 de abril e durante todos os días do ano. Nesta liña, amosan a súa disconformidade con que o executivo local non tomase a iniciativa, como si fixeron outras administración homónimas.