Concello de Ourense cultura

Criticamos que a cidade vaia quedar sen Ouren Sound porque o Concello non colaborará co festival

AS E OS SOCIALISTAS CRITICAN QUE A CIDADE VAIA QUEDAR SEN O OUREN SOUND FEST, QUE TERÁ QUE BUSCAR NOVO EMPRAZAMENTO, PORQUE O CONCELLO NON COLABORARÁ NA ORGANIZACIÓN

O grupo municipal socialista lamenta que o goberno de Jácome faga distincións segundo se trate duns artistas ou doutros, logo de coñecer que si se aportarán entre 30.000 e 40.000 euros para traer a Juan Magán

“Preguntámonos cal é o criterio para colaborar nun caso e non no outro e que artistas da relevancia e traxectoria de Tanxugueiras, Arde Bogotá ou Sidonie queden sen ninguna axuda da Administración local”, expuxo a edil do PSdeG Cristina Cruz

Ourense, 9 de abril de 2024. O pasado 12 de marzo, durante as Xuntas de Área, a concelleira de Artes e Festexos contestou, á pregunta do grupo municipal socialista, que o Concello de Ourense non colaborará coa organización do Ouren Sound Fest. Non obstante, as e os edís do PSdeG tamén preguntaron no pleno ordinario ao alcalde cal sería o custe de traer a Juan Magán a outro festival de música. Entre 30.000 e 40.000 euros do erario público, segundo dixo o rexedor, destinaranse para o artista.

“Preguntámonos cal é o criterio para aportar nun caso e non no outro e que artistas da relevancia e traxectoria de Tanxugueiras, Arde Bogotá ou Sidonie queden sen ninguna axuda da Administración local”, expuxo a edil do PSdeG Cristina Cruz. “Nos 9 anos de vida do festival, o Concello de Ourense só aportou 15.000 euros en 2023 para sacar rédito electoral”, criticou.

Así mesmo, lembrou que o Ouren Sound é unha cita que atrae a unas 10.000 persoas de media durante os días que se celebra e que iso supón un revulsivo importante para a cidade a nivel económico e a hostalería en xeral. “Non estamos a falar só dos e das asistentes, senón tamén dos entre 200 e 250 postos de traballo que xera para unha promotora ourensá”, subliñou.

A aportación de cartos vai a ser nula, mais tamén o será a axuda loxística e de organización ou transporte urbano que conleva a decisión do goberno de Gonzalo Pérez Jácome”, engadiu a socialista que cualificou como un “erro” máis das políticas de Democracia Orensana en materia cultural.

Ademais do anteriormente mencionado, a non colaboración do Concello de Ourense supuxo tamén o problema engadido para a organización de ter que atopar un emprazamento novo diferente ao de Benposta onde se celebraron as últimas edicións, e que aparecía no propio cartel para a venda de entradas, cun espazo próximo para a acampada.