Memoria Democrática ourense POLÍTICA

Recordamos ás figuras imprescindibles do partido en Ourense durante a ll República

AS E OS SOCIALISTAS OURENSÁNS RECORDARON ÁS FIGURAS IMPRESCINDIBLES PARA O PARTIDO DURANTE A II REPÚBLICA E ABORDARON OS RETOS DE FUTURO QUE PRESENTA A MONARQUÍA 

O historiador Javier Quintas repasou os resultados electorais acadados, como foi a implantación das sociedades obreiras na provincia ou cales foron as principais aportacións e retos do socialismo durante os primeiros anos da República

A secretaria xeral de XX.SS., Alba Iglesias, centrou a súa quenda no papel da monarquía na Transición e argumentou que se trata “dunha herdanza medieval que non se librou dalgúns dos seus privilexios”

Ourense, 13 de abril de 2024. Con motivo da semana da República, a Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense, a Secretaría de Memoria Democrática da mesma, Xuventudes Socialistas (XX.SS) e o historiador Javier Quintas organizaron un acto para lembrar cal era a situación do socialismo ourensán ao inicio da República, cales foron os seus principais líderes e cales son os retos de futuro que supón o sistema de monarquía parlamentaria, actualmente vixente en España.

Manuel Suárez, Alfonso Quintana Peña ou Ramón Fuentes Canal foron algunhas das figuras imprescindibles que o historiador e docente trouxo ao presente para facer memoria e ofrecer unha panorámica do que significou o socialismo durante a II República. Tamén repasou os resultados electorais acadados, como foi a implantación das sociedades obreiras na provincia ou cales foron as principais aportacións e retos do socialismo durante os primeiros anos da República: a chegada do ferrocarril, a reforma agraria e o posicionamento ante o estatuto de autonomía e o galeguismo.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas e edil no Concello de Ourense, Alba Iglesias, centrou a súa quenda no papel da monarquía na Transición e en argumentar que “é evidente que estamos a falar dunha herdanza medieval que non se librou dalgúns dos seus privilexios, constituíndo por iso unha rémora para a democracia”.

“Somos nós os que con máis firmeza nos negamos a aceptar esta herdanza ancestral. Se no pasado puido ter algunha xustificación, co paso do tempo foi perdendo lexitimidade e crece a percepción de que prescindir da monarquía permitiríanos mellorar a nosa calidade democrática”, aseverou.

O acto estivo introducido polo responsable da Secretaría de Memoria, Xosé Lois Carrión, que lembrou a intervención do deputado Luis Gómez Llorente  no Congreso, cando o 11 de maio de 1978 deu conta do voto particular do grupo socialista ao parágrafo terceiro do artigo 1º do anteproxecto de Constitución, e que deixou patente que o Partido defendía a República como forma de goberno. 

No seu discurso, tal e como expuxo, Gómez Llorente afirmou: “Se na actualidade o PSOE non se empeña, como causa central e prioritaria do seu facer, en cambiar a forma de goberno é en tanto en cuanto pode albergar razoables esperanzas en que sean compatibles a Coroa e a Democracia». E engadiu que «se democráticamente se establece a monarquía, en tanto sea constitucional, considerarémonos compatibles con ela».

Tamén participou ao comezo do acto a secretaria xeral da agrupación municipal do PSdeG en Ourense, Natalia González, para agradecer a presenza aos e ás asistentes e lembrar a importancia de seguir recordando o que aconteceu para homenaxear ás vítimas e aquelas que loitaron pola democracia.

Mañá, a Comisión Executiva Municipal participará na ofrenda floral que o propio 14 de abril organiza, ás 12.00 horas, a asociación Amigos da República no monumento ás vítimas do Franquismo levantado no cemiterio de San Francisco.