concellos INICIATIVAS

O PSOE de Leiro presenta alegacións á aprobación provisional do orzamento

O PSDEG-PSOE DE LEIRO PRESENTA ALEGACIÓNS Á APROBACIÓN PROVISIONAL DO ORZAMENTO MUNICIPAL PARA 2024, DESPOIS DE DETECTAR NUMEROSAS EIVAS E DEFICIENCIAS

Os e as socialistas poñen o foco no capítulo de persoal, ao considerar que non cumpre co previsto legalmente e nos créditos consignados para retribucións de órganos de goberno, que consideran insuficientes

“A información que amosa o orzamento é insuficiente, xa que sinala a existencia de 3 dedicacións parciais, cuxos importes, sumados aos devengados por asistencias a órganos de goberno, superan o importe consignado a tal efecto”, afirma Manuel Rodríguez

Leiro, 15 de abril de 2024. O PSdeG-PSOE de Leiro vén de presentar alegacións á aprobación provisional do orzamento para o ano 2024, despois de detectar numerosas eivas no mesmo. Os e as socialistas poñen o foco no capítulo de persoal, ao considerar que non cumpre co previsto legalmente e nos créditos consignados para retribucións de órganos de goberno, que consideran insuficientes.

Dende o grupo municipal socialista afirman que en relación ao anexo de persoal “non se cumpre co previsto legalmente en canto a que o artigo 18 do Real Decreto 500/1990 sinala que neste anexo deben relacionarse e valorarse os postos de traballo existentes, de xeito que se de oportuna correlación nos créditos para persoal incluídos nos orzamentos”. Neste senso, os e as socialistas tamén argumentan que “os conceptos retributivos sinalados na normativa vixente, nomeadamente na EBEP e no Real Decreto 861/1986, determinan a necesidade de sinalar o complemento específico, cuestión omitida no orzamento”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, afirma que, unha vez consultado o orzamento, “atopámonos tamén coa ausencia de información en relación aos créditos de persoal, xa que ao non existir o complemento específico, hai un impedimento para coñecer a dimensión global cuantitativa do mesmo, e por tanto si existe nivelación entre créditos de gastos e ingresos”. A ausencia da inclusión deste asunto no capítulo I do orzamento, impide coñecer este dato “fundamental” no orzamento.

O PSdeG-PSOE de Leiro tamén presenta alegacións en relación aos créditos consignados para retribucións de órganos de goberno, xa que os considera “insuficientes”, ao non cumprir co establecido nos compromisos adoptados no pleno de organización e contemplados nas bases de execución do orzamento. “A información que amosa o orzamento é insuficiente, xa que sinala a existencia de 3 dedicacións parciais, cuxos importes, sumados aos devengados por asistencias a órganos de goberno, superan o importe consignado a tal efecto”, afirma Manuel Rodríguez.

Ante estas circunstancias, os e as socialistas presentaron as mencionadas alegacións en temo e forma, agardando que se acorde a anulación da aprobación inicial do orzamento, coa finalidade de que se “emenden os erros advertidos”.