POLÍTICA PROVINCIAL

Jácome é o único culpable dos impagos das nóminas e esiximos solucións urxentes e transparencia

O GRUPO SOCIALISTA CONSIDERA QUE JÁCOME É O ÚNICO CULPABLE DOS IMPAGOS NO ABONO DAS NÓMINAS AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS MUNICIPAIS E PIDE TRANSPARENCIA E SOLUCIÓNS URXENTES                                                                

A portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González, esixe ao alcalde «que dea a cara e solucione os problemas derivados do desastre da súa xestión económica e que deixe de botar balóns fóra»

As e os edís do PSdeG trasladan o seu «apoio e solidaridade aos empregados e empregadas afectadas ante este desgoberno incapaz de xestionar e solucionar o máis básico

Ourense, 25 de abril de 2024. A portavoz do grupo municipal socialista e secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, denuncia a falta de información sobre a situación de impagos e demoras nas nóminas dos empregados e empregadas do Concello. «Aínda non sabemos como está a xestionar o executivo municipal, nin que impacto vai ter, a sentenza de anulación do capítulo I dos Orzamentos de 2020 aprobados por DO e PP», afirma e lamenta que fosen incapaces de dar conta aos grupos políticos nas Xuntas de Área da pasada semana.

«Só sabemos que está en risco o abono completo das nóminas dos e das traballadoras municipais no presente ano, que neste mes algúns deles non poderán percibir o seu salario completo nin os pluses correspondentes e que a única resposta é derivar responsabilidades na intervención, dar largas e non ofrecer solucións concretas a un problema que eles mesmos xeraron pola súa ineptitude e ausencia de diálogo», explica sobre o asunto.

Así as cousas, as e os edís do PSdeG esixen ao rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, como máximo responsable da área de Persoal e Recursos Humanos do Concello «que actúe con transparencia e dilixencia para solventar esta grave situación».

Ademais, trasladan o seu «apoio e solidaridade aos empregados e empregadas afectadas ante este desgoberno incapaz de xestionar e solucionar o máis básico».