A DEPUTACIÓN CO PP AO FRONTE DA AS COSTAS AOS PROFESIONAIS DO SECTOR AGROPECUARIO DA PROVINCIA DE OURENSE
O grupo popular vota contra unha iniciativa socialista para incrementar as axudas aos gandeiros ourensáns afectados polos baleirados sanitarios por tuberculose bovina
“Sen unha indemnización consecuente, esvaécense o traballo e aforros de toda unha vida investida nunha explotación de vacún de carne”, defendeu o deputado socialista Emilio Díaz
Ourense, 26 de abril de 2024. O grupo popular na Deputación de Ourense emitiu un voto contrario á iniciativa socialista para apoiar aos gandeiros ourensáns e incrementar os complementos ás axudas dirixidas aos afectados polos baleirados sanitarios provocados por positivos en tuberculose bovina. “As achegas actuais son insuficientes e non permiten aos profesionais do sector sobrepoñerse con garantías á perda total do seu medio de subsistencia, que é o realmente significa a obriga de adoptar unha medida tan extrema”, explicou na sesión plenaria Emilio Díaz, deputado socialista e veterinario de profesión. “Sen unha indemnización consecuente, esvaécense o traballo e aforros de toda unha vida investida nunha explotación de vacún de carne”, sentenciou Díaz.
En Galicia, onde a prevalencia é de 0, o máis mínimo positivo implica o baleirado sanitario dunha explotación enteira. Díaz puxo como exemplo o recente caso dunha granxa de vacas en Palleirós, no concello de Manzaneda, que o pasado marzo tivo que sacrificar todas as súas reses tras detectarse uns poucos casos illados de tuberculose. Sen tomar en consideración o impacto do lucro cesante, as perdas para o gandeiro ourensán ascenderon a 32.000 euros. “O monto das axudas non é suficiente para empezar de novo. Non alcanza para a reposición dos animais sacrificados, que están en idade de produción madura, aos prezos de mercado e tampouco consideran as cantidades que os gandeiros deixan de percibir polo dano inflixido”, explicou o deputado socialista.
Amais de votar contra indemnizacións acaídas co impacto real dos baleirados sanitarios, o PP tamén se amosou contrario á posta en marcha de mecanismos de diagnose do gando en vida. Segundo Díaz, “o obxectivo é sacrificar ás cabezas contaxiadas, respectando a vida das sas e, de paso, minimizar o impacto económico sobre as explotacións”. A proba de intradermorreaccion preséntase coma un método “case que artesanal” e “primitivo”, “que apenas evolucionou durante o último século”, abundou o deputado socialista. “Aproveitando os avances en diagnose, evitaríanse os baleirados sanitarios que poden ser unha sentenza de morte para granxas que adoitan estar en zonas afectadas polo despoboamento”, concluíu o deputado provincial socialista.






