PARTIDO POPULAR E DEMOCRACIA OURENSANA ALÍANSE NA DEPUTACIÓN PARA OPOÑERSE A QUE A XUNTA ASUMA AS SÚAS COMPETENCIAS EN RELACIÓN AOS CONSERVATORIOS DA PROVINCIA E VOTAN EN CONTRA DE DOTALOS DE MÁIS ORZAMENTO
Os populares, apoiados por DO desta volta, tamén se opoñen a que a Xunta asuma as súas competencias e sufrague os cinco conservatorios de grao profesional que hai na provincia, tal e como fai co da capital
Elvira Lama fixo fincapé “no agravio comparativo que existe entre os conservatorios profesionais da provincia e o de Ourense, que si é completamente sufragado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia”.
Ourense, 26 de abril de 2024. Os populares, apoiados por DO desta volta, tamén se opuxeron a requirir da Xunta de Galicia a financiación completa dos cinco conservatorios de grao profesional que hai na provincia (O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia). Durante o debate da moción, a deputada socialista Elvira Lama fixo fincapé “no agravio comparativo que existe entre os conservatorios profesionais da provincia e o de Ourense, que si é completamente sufragado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia”. Lama laiouse de que sexan os concellos os que soportan os “elevados gastos” destes centros “no que supón unha clara discriminación entre a capital e municipios con moita menor capacidade económica”.
“É de xustiza que, independentemente do seu lugar de residencia, todas as nenas e nenos da nosa provincia teñan as mesmas oportunidades que os da capital para formarse musicalmente, de aí que os concellos, malia que se trate dunha competencia impropia, se vexan empuxados a asumir a financiación destes conservatorios, o cal supón unha enorme carga para as arcas municipais”, explicou Lama. A deputada socialista ponderou que, a iniciativa socialista, a Deputación aprobase unha modificación de crédito que contempla unha partida de 200.000 euros a repartir entre os conservatorios profesionais da provincia. “Un paso que é de agradecer, pero que é insuficiente para cubrir os custos reais destes conservatorios”, rematou Lama.






