MANIFESTO DO PSDEG-PSOE DE OURENSE CO GALLO DA CELEBRACIÓN DO PRIMEIRO DE MAIO E DÍA INTERNACIONAL DO TRABALLO
O primeiro de maio, ou Día Internacional de Traballo, é a celebración anual dos logros acadados polas traballadoras e os traballadores, así como unha data reivindicativa por excelencia no eido laboral, ao que se engaden cada ano notas adicionáis por mor das circunstancias do momento.
Os logros socieconómicos e laboráis conquistados polo noso goberno progresista son un motivo de celebración, e reflíctense en indicadores como:
– O crecemento da economía, que é 5 veces superior ao de eurozona.
– O liderado europeo na creación de postos de traballo, xerándose máis emprego que en Alemaña e Francia xuntas.
– A cifra de traballadoras e traballadores máis alta da historia, con case 21 millóns de cotizantes á Seguridade Social.
– A estabilidade no emprego, con máis do 87% da forza laboral nestas condicións, da que un 47 % son mulleres, e cun paro xuvenil que descende continuamente.
– O aumento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que foi do 54 % respecto a 2018, situándose en 15.876 euros anuais ou 1.134 euros ao mes en 14 pagas, gañando 5.573 euros máis ao ano que cando gobernaba o PP, e subindo un 5% en 2024 tras o acordo asinado entre o Goberno e os sindicatos.
– E todo iso fíxose compatible co mantemento do poder adquisitivo das pensións, e cun Salario Mínimo Vital (SM) e uns salarios dignos para os empregados públicos, sen que ninguén quedara atrás.
Estes resultados non son coxunturais ou froito da casualidade, senon resultado da Reforma Laboral creada polo goberno progresista, e demostran a súa valía ao comparalos cos obtidos a través de medidas neoliberáis que bloqueaban a capilaridade dos beneficios empresariáis cara as plantillas que os fan posibles.
Debemos seguir avanzando cara unha sociedade máis igualitaria e cunha maior calidade de vida, coas seguintes metas:
– Converxer coas taxas de desemprego europeas, de camiño ao fin último do pleno emprego.
– Continuar reducindo a temporalidade e a desigualdade de salarios.
– Rebaixar a xornada laboral a un máximo de 37,5 horas.
Este modelo de avance social fundamentase no diálogo social e na aposta polos PERTES que se están a desenvolver, e ten demostrado a súa eficacia na rápida recuperación económica lograda tras a pandemia, particularmente nas actividades que crean un alto valor engadido, como as referidas ao sector das TIC ou as profesións científicas e técnicas.
Agora temos por diante os desafíos que formulan a Intelixencia Artificial o cambio climático, e a necesaria transición ecolóxica de moitos sectores da nosa economía. A todos eles debemos dar resposta dende o consenso e a aposta decidida pola política, pois tense demostrado ao longo dos tempos que non é a modernización per se, se non a política quen determina a calidade de vida e o benestar da cidadanía.
Só me resta engadir a nota adicional destes momentos, que ten que ver coa necesaria rexeneración e fortalecemento da vida democrática ante os ataques das dereitas ao Goberno lexítimo de España. A militancia e as persoas que simpatizan co PSOE tiveron que saír as rúas para manifestar o seu apoio ao Presidente, sendo, asemade, un berro contra as calumnias que non respectan sequera a intimidade, sobrepasando todas as liñas vermellas e cun único fin: tombar un goberno ao que foron incapaces de vencer nas urnas.
O país falou alto e claro: queremos un país democrático e libre de infamias, un país verdadeiramente democrático, cuxos logros debemos protexer, pois nunca están garantidos.
Para lembralo serven os primeiros de maio, e proba delo é o que celebramos este ano.
Hoxe, igual que sempre, Viva o Primeiro de Maio!

