O GRUPO SOCIALISTA RECLAMARALLE AO CONSELLEIRO DE SANIDADE QUE RECUPERE A COBERTURA PEDIÁTRICA DO CENTRO DE SAÚDE DE A PONTE DA QUE DISPOÑÍAN NO MESMO ANTES DA PANDEMIA
A parlamentaria do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta levará unha proposición non de Lei á Comisión de Sanidade que se celebra MAÑÁ XOVES NO PARLAMENTO A PARTIR DAS 10,30 HORAS para que tanto o goberno autonómico como o resto de grupos se posicionen ante a grave problemática
Santiago de Compostela, 01 de maio de 2024. O grupo parlamentario socialista presentará mañá xoves no Parlamento unha iniciativa para reclamarlle á Xunta de Galicia que cubra as catro prazas de pediatría existentes antes da pandemia da COVID, co fin de garantir a calidade asistencial no Centro de Saúde A Ponte. “Trátase do barrio máis poboado da cidade de Ourense e dos catro pediatras que prestaban servizo antes da pandemia pasaron posteriormente a ser só dous os facultativos dispoñibles”, sinala a deputada Carmen Rodríguez Dacosta.
“O déficit de pediatras na provincia de Ourense é un tema recorrente, que derivou en recollidas de sinaturas, mobilizacións e protestas dos pais e nais afectados por esta situación que lles provoca un grave prexuízo”, subliña Dacosta logo de reunirse con algúns dos proxenitores que levan meses protestando polas elevadas listas de agarda.
Por elo, mañá se debaterá no Parlamento de Galicia, a instancia do grupo socialista, unha proposición non de Lei sobre a situación que están a vivir as e os facultativos con sobrecarga de traballo e os e as menores de idade posto que, en épocas de gripe e outros virus, a desatención volveuse inasumible. “O persoal sanitario esta a facer todo o que pode para suplir as carencias expostas, sen que perciban por parte da Administración vontade de arranxar esta situación”, advirte a deputada.
Lembra, nesta liña, que o barrio de A Ponte é o máis poboado de Ourense e que esas instalacións sanitarias se comparten coa veciñanza de zonas rurais, do Vinteún, de Cuideiro, de Eiroás ou de Covadonga. “Houbo momentos nos que a lista de agarda chegaba aos 15 días e agora está preto da semana o que deixa pouca marxe aos pais e nais posto que é imposible saber cando se porán enfermos os seus fillos e fillas”, relata engadindo que en ocasións isto supón colapsar os servizos de Urxencias do PAC ou o CHUO por non ter outra alternativa.
Con todo, a parlamentaria do PSdeG levará a proposición non de Lei á Comisión de Sanidade que se celebra mañá xoves, a partir das 10,30 horas e que pode seguirse no enlace https://www.parlamentodegalicia.es/, para que tanto o goberno autonómico como o resto de grupos se posicionen ante a grave problemática.
Dende a ANPA do CEIP de Prácticas mobilizáronse, ademais, para recoller máis de 1.000 rúbricas para que a Xunta poña fin a unha situación que cualifican como “discriminatoria” e de “inseguridade ao seren atendidos os seus fillos e fillas, algunhas veces, por profesionais sen a especialidade de Pediatría.

