Concello de Ourense EDUCACION INICIATIVAS ORZAMENTOS

Conseguimos que se aprobe a elaboración dun plan de inversións que teña en conta á veciñanza

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE CONSEGUEN QUE SE APROBE A SÚA INICIATIVA PARA INSTAR AO GOBERNO DE JÁCOME A ELABORAR UN PLAN DE INVERSIÓNS PARA AS ACTUACIÓNS NA CIDADE

Tamén saíu adiante a súa moción para implantar un Programa de Educación Afectivo-Sexual dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria

A voceira do grupo, Natalia González Benéitez, afirmou contundente que o PSdeG será “un dique de contención” fronte ao desmantelamento dos servizos sociais levado a cabo por Democracia Orensana

Ourense, 3 de maio de 2024. “É público e notorio que as actuacións do actual goberno municipal do Concello de Ourense, presidido polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome, teñen coma sinais de identidade a improvisación, a falla de transparencia e a incapacidade para chegar a acordos coa oposición”, comezou afirmando durante a súa intervención o edil do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero na sesión plenaria ordinaria do mes de maio. As e os socialistas conseguiron o respaldo de todos os grupos da oposición para aprobar unha iniciativa que persegue un maior consenso e planificación en beneficio da cidadanía.

Tanto o PP como o BNG votaron a favor do texto que insta ao goberno municipal á creación dunha comisión delegada que estude as necesidades dotacionais dos diferentes barrios da cidade e elabore unha proposta de Plan Municipal de Inversións, que levará ao Pleno para a súa aprobación e posterior execución, unha vez coñecida a liquidación orzamentaria do exercicio 2023.

O socialista recriminou ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome e ao seu equipo que cada vez que se lles apremia a elaborar uns orzamentos –ou proxectar mínimamente as actuacións máis relevantes a levar a cabo na cidade– entren en bucle comparando a Ourense con outras urbes galegas con realidades socioeconómicas totalmente diferentes. “Non resulta casual que o actual alcalde e os seus edís non adicaran nin o máis mínimo esforzo para aprobar un novo orzamento municipal, cara ao exercicio 2024, e que a previsión a día de hoxe sexa subsanar as eivas do vixente orzamento prorrogado, recorrendo “precipitadamente” a un encadeamento de modificacións de crédito unha vez rematada a liquidación do exercicio 2023”, vaticinou o edil sobre o que acontecerá nos vindeiros meses ao confirmar o rexedor que non haberá presupostos ata 2025.

“É posible anticipar as actuacións para a cidade e planificar. E é posible, por suposto, chegar a acordos coa oposición. Xa que non ten maioría absoluta, recomendámoslle que o faga. E que aprobe esta iniciativa para contar tamén coa opinión da cidadanía, barrio por barrio”, exhortou ao rexedor.

Por outra banda, o grupo municipal socialista tamén conseguiu que se aprobase a súa moción (coa abstención de PP e DO) para implantar no curso 2024/2025 un Programa de Educación Afectivo-Sexual dirixido ao alumnado do segundo ciclo de Primaria e de toda a Secundaria. “O obxectivo primordial é favorecer a aceptación positiva da propia identidade sexual, desligada de elementos discriminatorios de xénero”, expuxo a edil Cristina Cruz.

Ademais, inclúese nos puntos de acordo do texto instar á Xunta de Galicia a establecer un programa específico de formación ao profesorado e á elaboración dun protocolo específico que constitúa unha guía sinxela e clara para que a comunidade educativa dispoña duns criterios orientadores e uns procedementos de actuación básicos. “Tal e como se recolle no texto da iniciativa, o 8,1% das adolescentes tivo algunha relación sexual sen consentimento e o 75% das e dos participantes na enquisa infórmanse a través de amizades e internet (sendo a pornografía a principal fonte). Deixar en mans de dita industria a educación sexual dos nosos fillos e fillas é un erro que trae consecuencias como delitos de violencia de xénero, sexual ou problemas psicolóxicos e emocionais”, explicou no salón de plenos.

Así mesmo, puxo de relieve que as actuacións dende a Administración local para contrarrestar a inercia actual non poden ser obradoiros puntuais e xenéricos. “Deixemos de falar da lexislación e vexamos a realidade dos e das docentes e da rapazada que necesitan esa educación afectivo-sexual dun xeito continuado no tempo, non obradoiros espaciados, porque non está a servir de nada”, rematou na súa segunda quenda de intervención.

Servizos Sociais

Ante a iniciativa que presentou o executivo de Gonzalo Pérez Jácome para desentenderse dos asuntos sociais e que sexan as demais administracións –autonómica e estatal– as que sosteñan economicamente os mesmos, a voceira do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, afirmou contundente que o PSdeG será “un dique de contención” fronte ao desmantelamento levado a cabo por Democracia Orensana.

Destacou, nesta liña, que “o ventrílocuo alcalde cambiou de boneco” por ser o novo portavoz do seu partido no Concello, Rafael Cachafeiro, o que defendeu unha moción sobre unha área da que antes se encargaba a edil Ana Fernández, e agora o fai Tamara Silva. E incidiu en que o propio Colexio de Traballo Social de Galicia enviou un comunicado no que rexeita o proceder do goberno municipal actual por ser a administración máis próxima ás persoas que máis o precisan.