concellos GOBERNO ESTATAL INICIATIVAS

O PSOE de Xinzo destaca a importancia das obras para a posta en valor do río Limia

O PSDEG-PSOE DE XINZO DESTACA A IMPORTANCIA DAS OBRAS DE ELIMINACIÓN DE VERTIDOS NO RÍO LIMIA QUE CONTAN CUN INVESTIMENTO DE CASE UN MILLÓN DE EUROS

O proxecto, conseguido polo anterior equipo de goberno encabezado polos socialistas, permitirá mellorar a calidade medio ambiental das augas do río Limia, eliminar os vertidos e pór en valor un recuncho natural único en toda a comarca

Elvira Lama considera que esta actuación “é o comezo para a posta en valor do río que da nome a toda unha comarca e para anular todo vertido incontrolado, xa que será canalizado e guiado”

A voceira socialista lamenta que o actual equipo de goberno “non teña proxecto para Xinzo e non consiga novos investimentos” e afirma que “temos a un alcalde que está vivindo do traballo do anterior goberno e aínda non moveu un só dedo na procura de investimentos”

Xinzo de Limia, 6 de maio de 2024. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia destaca a importancia das obras de eliminación de vertidos no río Limia que acometerá a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Cun investimento de case 1 millón de euros, o proxecto contempla tamén a construción de estacións de bombeo que se poida conectar coas redes de saneamento da marxe esquerda para o posterior traslado de augas a depuradora municipal. Tamén se instalará un gran colector dende a avenida de Portugal ata as piscinas, ademais de mellorar a conexión coa rede principal nas inmediacións da pista sitibal.

Dende o grupo municipal socialista lembran que este investimento de 970.208,25 euros foi conseguido durante o mandato do PSdeG-PSOE ao fronte do concello e trátase dunha obra na que a CHMS aporta o 80%, e o concello o 20% restante. A obra ten un prazo de execución de 6 meses, unha ve comecen os traballos que non puideron comezar por mor das inclemencias meteorolóxicas e o caudal do río nos últimos meses.

A voceira do grupo municipal socialista en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, destaca que esta primeira actuación “servirá para a mellora medio ambiental da canle principal e a recollida mediante canalización das augas residuais das vivendas infraestruturas deportivas, que durante anos ceibaron ao río Limia sen ningún tipo de control”. A edil socialista considera que esta actuación “é o comezo para a posta en valor do río que da nome a toda unha comarca e para anular todo vertido incontrolado, xa que será canalizado e guiado mediante tubaxe”. O proxecto contempla 3 estacións de bombeo e unha estación de depuración e tratamento situada na contorna da Moreira.

“A eliminación dos vertidos e augas fecais ao río é o motivo principal desta primeira actuación” salienta Lama Fernández, que tamén apunta que “está prevista unha segunda fase que será máis visible e que permitirá recuperar a contorna do Limia para uso e desfrute da veciñanza, cun circuíto circular de 3 quilómetros de percorrido”.

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, confirmou durante a súa visita a zona o pasado venres que a primeira fase terá continuidade nesa segunda na que ademais do paseo, construirase un carril bici e mellorarase a iluminación e o mobiliario urbano. “Con estes investimentos poremos en valor un dos principais recursos paisaxísticos da nosa comarca e apostaremos por un medio ambiente máis seguro e sen vertidos”, afirman dende o grupo municipal socialista.

Este proxecto súmase a outros xa conqueridos polo anterior grupo de goberno municipal, con Elvira Lama ao fronte, tales como a as actuacións no mosteiro de Trandeiras. A actual voceira socialista lamenta que o actual equipo de goberno “non teña proxecto para Xinzo e non consiga novos investimentos” e afirma que “temos a un alcalde que está vivindo do traballo do anterior equipo e aínda non moveu un só dedo na procura de novos investimentos ou da posta en marcha de novos proxectos”.