Executiva municipal de Ourense PSdeG

Conmemoramos en Ourense o Día de Europa cun acto no que intervirán o eurodeputado Nicolás G. Casares e o secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro

O PSDEG CONMEMORA EN OURENSE O DÍA DE EUROPA CUN ACTO NO QUE INTERVIRÁN O CANDIDATO AO PARLAMENTO EUROPEO NICOLÁS G. CASARES E O SECRETARIO XERAL DO PARTIDO, JOSÉ RAMÓN G. BESTEIRO

Será mañá, 9 de maio, ás 19.00 horas, na praza Saco e Arce e contará tamén coa participación do secretario provincial, Rafael R. Villarino, e a secretaria xeral na cidade do PSdeG, Natalia G. Benéitez

A Comisión Executiva Municipal constituiu o comité de campaña na cidade para comezar a traballar nas vindeiras eleccións europeas, cuxos comicios se celebrarán en España o vindeiro 9 de xuño

Ourense, 8 de maio de 2024. Dende a Agrupación Municipal de Ourense queren sumarse á celebración do Día de Europa que o PSdeG levará a cabo este ano e que cada 9 de maio se conmemora en diferentes territorios da Unión. A data foi escollida por ser o aniversario da Declaración de Schuman na que se recollía que unha nova forma de cooperación política era posible. Unha nova forma que convertise en inconcebibles as guerras entre nacións. A proposta do nomeado político está considerada como o xérmolo da actual Unión Europea.

Por todo elo, mañá terá lugar un acto, ás 19.00 horas na praza Saco e Arce, no que intervirán o secretario provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino; a secretaria xeral en Ourense, Natalia González Benéitez; o eurodeputado na pasada lexislatura e candidato para o próximo proceso electoral, Nicolás González Casares; e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Ademais, haberá unha actuación musical ao remate das intervencións.

Comisión Executiva Municipal

Por outra banda, onte tivo lugar a reunión da Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense na que se constituiu o comité de campaña na cidade para comezar a traballar de cara ás vindeiras eleccións europeas, cuxos comicios serán en España o domingo 9 de xuño.

Tamén se presentou a programación da agrupación municipal que se está a organizar para conmemorar o 17 de maio, o Día das Letras Galegas, e coa que se abordará a figura da escritora Luisa Villalta e se renderá homenaxe a súa polifacética traxectoria. O eixo central será un acto para falar da vida e obra da autora na Biblioteca Nós, o luns 20 maio, ás 19:00 horas.