Concello de Ourense FEMINISMO Igualdade

Propoñemos unha iniciativa conxunta aos grupos da oposición para evitar o peche do CIMM por parte do goberno de Jácome

O GRUPO SOCIALISTA PROPÓN UNHA INICIATIVA CONXUNTA AO RESTO DE GRUPOS MUNICIPAIS PARA EVITAR O PECHE INMINENTE DO CENTRO DE INFORMACIÓN MUNICIPAL ÁS MULLERES DO CONCELLO DE OURENSE POLA IRRESPONSABILIDADE DO GOBERNO DE JÁCOME

Natalia González manifesta que “a situación é de extrema gravidade e require poñer sobre a mesa a necesidade de facer un fronte político común contra un atentado máis contra a igualdade e a loita contra a violencia de xénero perpetrado por un goberno irresponsable e que pon sempre en risco ás persoas con maior vulnerabilidade da cidade”

Esixirán tamén ao goberno da Xunta de Galicia que tome partido ante esta decisión lesiva para a terceira cidade de Galicia, co peche do CIMM máis importante da nosa Comunidade Autónoma

Ourense, 16 de maio de 2024. O grupo municipal socialista propón ao resto dos grupos políticos da oposición unha iniciativa conxunta para evitar o desaloxo e peche definitivo do CIMM do Concello de Ourense por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o seu equipo de goberno.

A voceira do PSdeG, Natalia González Benéitez, afirma que “non se entende que ante unha inversión necesaria para a adaptación dun edificio de referencia para a eliminación do gas radón por un importe aproximado de 200.000 euros o executivo local mire para outro lado, sen pensar sequera nas repercusións deste capricho político”. E lamenta que tampouco se teña pensado nas traballadoras que terán que “ser trasladadas a outro emprazamento totalmente inapropiado para a atención ás persoas usuarias e fulminando sen alternativa ningunha prevista outros programas de atención, formación ou conciliación vencellados ao mesmo”.

As e os socialistas recordan que o CIMM é unha infraestrutura de referencia, a mellor de toda Galicia, que se puxo a disposición da cidadanía grazas ao labor e sensibilidade do goberno bipartito no mandato 2007-2012, e na cal se investiron máis de 600.000 € na reforma integral do edificio, na dotación do mobiliario e habilitación de espazos do mesmo, co consenso de todos os grupos políticos da corporación municipal. E subliñan que conta agora mesmo cunha cesión a través dun contrato de comodato cunha fundación en vigor, firmada por 30 anos con posibilidade de renovación dende 2013.

“Consideramos que non se pode tolerar nin un recorte máis neste desmantelamento social sen límites que estamos a vivir nos últimos 5 anos. Temos que esixir de maneira conxunta a paralización desta decisión política, a execución das obras precisas para as que hai dotación orzamentaria pero non vontade e o mantemento da ubicación excepcional coa que conta na actualidade o Centro de Información Municipal ás Mulleres de Ourense, froito do traballo conxunto dos e das traballadoras e tamén das distintas forzas que gobernaron e que tiveron sempre clara a aposta pola defensa da igualdade e da loita contra a violencia machista”, remata a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.