MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A LGTBIFOBIA 2024
Sen deixar a ninguén atrás: Igualdade, Liberdade e Xustiza para todos e todas.
O 17 de maio conmemórase o Día Internacional contra a LGTBI fobia. Este día lembra a data na que a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde eliminou a homosexualidade da lista de enfermidades mentais. O lema escollido para conmemorar este ano é “Sen deixar a ninguén atrás: Igualdade, Liberdade e Xustiza para todos e todas” unha chamada á unidade de acción, porque só a través da solidariedade mutua crearemos un mundo sen inxustiza e sen deixar a ninguén atrás.
Este día Internacional foi recoñecido como Día Nacional en España por Acordo do Consello de Ministros do 26 de xuño de 2009, durante o Goberno socialista do presidente Zapatero.
Este ano atopámonos ante unha cita transcendental en Europa coas eleccións europeas do próximo 9 de xuño. España é un país referente no mundo debido ás políticas implementadas polos gobernos socialistas que dotaron de dereitos ás persoas do colectivo LGTBI. Os e as socialistas seguiremos abandeirando, impulsando e promovendo a aplicación transversal do principio de igualdade para as persoas do colectivo LGTBI en toda a Unión Europea e en todos os ámbitos da vida, para garantir a igualdade de oportunidades para todas.
Durante os últimos anos asistimos con preocupación á aprobación de leis abertamente anti LGTBI nalgúns Estados Membros da Unión Europea. A resposta da familia socialista europea sempre foi e continuaremos, como ata o de agora, defendendo a litigación estratéxica para velar polo cumprimento dos preceptos establecidos na Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, como fixo o goberno de Pedro Sánchez xunto á Comisión Europea con Hungría e as súas lexislacións contra o dereitos LGTBI.
As eleccións ao Parlamento Europeo do próximo 9 de xuño van ser fundamentais para seguir avanzando na liña marcada polos socialistas europeos ou para retroceder en dereitos LGTBI como pretende a dereita e a extrema dereita no Parlamento Europeo e nos países europeos onde gobernan. Convén lembrar que o PP español e os seus eurodeputados posicionáronse en contra ou se abstiveron en votacións cruciais para os dereitos LGTBI en Europa e que o goberno do PP na Comunidad de Madrid mermou os dereitos LGTBI cernando por primeira vez na nosa historia democrática os dereitos conquistados e coa conivencia da totalidade do Partido Popular.
Fronte a estas políticas, as e os socialistas europeos avogamos por reforzar as estratexias da Unión europea para a Igualdade do Dereitos LGTBI. Seguiremos liderando iniciativas en favor dunha Europa comprometida coa igualdade de trato e de oportunidades e a loita contra toda forma de discriminación por orientación e identidade sexual e expresión de xénero e combateremos todos os obstáculos que seguen impedindo que as persoas LGTBI desenvolvan os seus proxectos vitais en igualdade e libres de discriminación.
A Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans, e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI e a Lei Integral para a igualdade de trato e a non discriminación, a Lei Zerolo, supuxeron un importante avance cara á igualdade, a xustiza e a protección e recoñecemento dos dereitos das persoas LGTBI, impulsando ao noso país á cabeza dos países respectuosos coas persoas LGTBI.
A Lei LGTBI establece a obrigación aos poderes públicos de poñer en marcha as medidas necesarias para acabar coa discriminación histórica e sistémica cara ás persoas trans, e a definir as políticas públicas que garantan os dereitos das persoas LGTBI. Ademais, esta lexislación establece a adopción de medidas a favor dos dereitos das persoas intersexuais, e a prohibición, en todo o Estado Español, das coñecidas como terapias de conversión, que non son senón torturas promovidas por prexuízos ideolóxicos contra as persoas LGTBI.
Os datos preliminares ofrecidos polo ministerio do Interior, sinalan que as forzas de seguridade rexistraron en 2023 un aumento de máis dun 30% de delitos de odio respecto ao ano anterior. Os incidentes relacionados coa discriminación pola orientación sexual ou identidade de xénero da vítima, son na actualidade, o segundo máis representado nas estatísticas de delitos de odio no noso país, alcanzando a cuarta parte de todos os que se denuncian.
Estes datos reflicten, que pese a alta aceptación da diversidade sexual por parte da sociedade española e o seu compromiso na defensa dos dereitos das persoas LGTBI, asistimos paralelamente a un auxe dos discursos anti-LGTBI, sobre os que alertan tanto as organizacións de defensa do dereitos LGTBI como as institucións europeas, e que comprometen seriamente o benestar, a seguridade e a non discriminación das persoas LGTBI, e en particular das persoas trans. Porque o 48% das persoas LGTBI en España, segundo datos da FRA, a Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, evitan ir da man coas súas parellas en público (seis de cada 10 na Unión Europea) e o 23% nunca fai visible a súa orientación sexual ou a súa identidade sexual (o 30% na UE) por medo a sufrir violencia e o 21 % sentiu discriminado no traballo. Aínda que, o 43% das persoas LGTBI en España consideran que o seu Goberno combate eficazmente os prexuízos e intolerancia cara ás persoas LGTBI, porcentaxe maior que en Europa, que é do 33%.
Os datos do último informe do Ministerio do interior do ano 2022 lanzan en Galicia o seguinte mapa:
- No cómputo global de delitos de odio producidos na Comunidade Autónoma de Galicia (85), 11 foron cometidos por razón de orientación sexual e/o identidade de xénero, o que supón un 12,94% do total .
- Na provincia da Coruña dos delitos de odio producidos (41), 3 foron cometidos por razón de orientación sexual e/o identidade de xénero, o que supón un 7,51% do total .
- Na provincia de Lugo dos delitos de odio producidos (8), 1 foi cometido por razón de orientación sexual e/o identidade de xénero, o que supón un 12,5% do total .
- Na provincia de Ourense dos delitos de odio producidos (4), 2 foron cometidos por razón de orientación sexual e/o identidade de xénero, o que supón un 50% do total .
- Na provincia de Pontevedra dos delitos de odio producidos (32), 5 foron cometidos por razón de orientación sexual e/o identidade de xénero, o que supón un 15,63% do total.
Estes datos son datos de FEITOS COÑECIDOS e denunciados ante a administración, pero non debemos obviar que as agresións que sofre o colectivo LGTBI en diversos ámbitos (escola, traballo, lugares de lecer, fogar…) ten unha maior magnitude difícil de cuantificar.
En todo caso, o último informe presentado pola Asociación ALAS Coruña recoñece que os delitos de odio, aínda que diminúen lixeiramente na nosa comunidade autónoma, estes teñen un maior compoñente violento (no seguinte link podeis acceder ao devandito informe https://corunasenodio.org/wp-content/uploads/2024/04/Informe-2023.pdf ).
As medidas adoptadas polo Goberno de España están aliñadas coas prioridades establecidas a nivel europeo e permiten avanzar en linea coas recomendacións da Comisión Europea.
Ademais dos avances lexislativos dos últimos anos, o goberno de Pedro Sánchez impulsou políticas dirixidas a garantir o dereito á información e á atención integral ás vítimas da violencia e a discriminación como a posta en marcha do servizo LGTBI 028 de información e atención integral en materia de dereitos LGTBI e delitos de odio por LGTBIfobia.
Mentres tanto desde hai anos a loita contra a LGTBIfobia da Xunta de Galicia non só é moi feble senón practicamente inexistente: un observatorio contra a LGBTIFOBIA practicamente paralizado, unha Lei LGTBI sen desenvolvemento regulamentario e metida nun caixón, un orzamento vergoñoso do 0,0004% do orzamento total da Xunta de Galicia, cargando de competencias en materia LGTBI aos Centros de Información á Muller, e sen estrutura admisitrativa propia.
Na nova configuración das políticas de igualdade no organigrama da Xunta de Galicia, o Partido Popular tiña a oportunidade de rectificar, non só relegou de rango administrativo ás políticas de igualda entre mulleres e homes senón que ademais volveu obviar a creación dunha Dirección Xeral de Dereitos LGTBI como levamos reclamando tanto tempo desde o PSdeG.
Desde o PSdeG creemos máis que necesario que a Xunta de Galicia se comprometa coa separación das políticas de Dereitos LGTBI dotándoas de estrutura administrativa propia, que se comprometa a un incremento orzamentario na liña doutros gobernos autonómicos como o de Asturias, que se desenvolva e amplie regulamentariamente a Lei LGTBI de Galicia e que todos os partidos políticos do Parlamento de Galicia se comprometan á rúbrica do I Pacto Galego para a Garantía do Dereitos LGTBI.
Neste sentido, o Goberno socialista de España está inmerso nas tarefas para a posta en marcha dunha Estratexia Estatal para a igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBI e dunha Estratexia Estatal para a inclusión social das persoas trans. Igualmente, o Ministerio de Traballo e Economía Social ten aberta unha Mesa de Diálogo Social cos axentes sociais a fin de desenvolver regulamentariamente o artigo 15 da Lei LGTBI, que establece a obrigación das empresas de máis de cincuenta persoas traballadoras de contar cun plans e medidas para alcanzar a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI, incluíndo un protocolo de actuación para a atención do acoso ou a violencia contra as persoas LGTBI, que deberán ser pactadas a través da negociación colectiva e acordadas coa representación legal das persoas traballadoras.
Neste día, as mulleres e homes socialistas reiteramos o noso compromiso de traballar contra os discursos e os delitos de odio contra a poboación LGTBI tanto no noso país como en Europa e buscaremos facer desta loita un piar esencial dos valores europeos.


