AS SOCIALISTAS RECLAMAN Á XUNTA QUE TOME PARTIDO PARA QUE SE REALICEN AS OBRAS NO EDIFICIO DO CIMM DE OURENSE E SE TRASLADE ÁS TRABALLADORAS A UNHAS INSTALACIÓNS ADECUADAS DURANTE O PROCESO
“A calidade da atención que se pode prestar ás usuarias do servizo, moitas delas vítimas de violencia de xénero, redúcese considerablemente ao non reunir o novo espazo as características necesarias para a confidencialidade e privacidade”, pon de relieve a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez
“O alcalde da cidade debe rectificar pero para elo tamén ten que posicionarse a Xunta e debe esixir que se fagan as obras precisas na que ata o de agora foi a sede do CIMM”, expón a deputada Carmen Rodríguez Dacosta
Ourense, 23 de maio de 2024. O grupo municipal socialista alertaba, logo de que tiveran lugar as Xuntas de Área do Concello de Ourense a semana pasada, da intención do executivo de Jácome de pechar o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) por non estar disposto a levar a cabo as obras necesarias para a eliminación do gas radón das instalacións. “A calidade da atención que se pode prestar ás usuarias do servizo, moitas delas vítimas de violencia de xénero, redúcese considerablemente ao non reunir o novo espazo destinado a estas funcións as características necesarias para a confidencialidade e privacidade”, pon de relieve a portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez.
É por elo que, en colaboración co grupo parlamentario socialista, elevarán o asúnto á Cámara autonómica para que o goberno de Alfonso Rueda se pronuncie ao respecto e tome partido ante o que cualifican como unha “nefasta e errática” decisión política. “O alcalde da cidade debe rectificar pero para elo tamén ten que posicionarse a Xunta e debe esixir que se fagan as obras precisas na que ata o de agora foi a sede do CIMM”, expón a deputada Carmen Rodríguez Dacosta.
As iniciativas, xa rexistradas para o seu debate, subliñan a importancia destes centros acreditados por configurarse “como servizos de información, asesoramento xurídico e psicolóxico con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social”, coa relevante proximidade á cidadanía que ofrece a Administración local.
Foi ano 2011, baixo o executivo bipartito co alcalde o socialista Francisco Rodríguez, cando se inauguraba a dotación pública (rehabilitada con fondos do chamado plan E) para convertela nun centro de información á muller, asentado nas instalacións do antigo edificio de Radio Ecca, no barrio do Couto. “O espazo conta con salas de atención para a educadora, a psicóloga, a traballadora social e a asesora xurídica co obxectivo de dotar de privacidade, dignidade e tranquilidade ás usuarias deste servizo”, lembran as socialistas e contrapoñen o emprazamento no que deben traballar agora, situado no segundo andar do edificio municipal multidisciplinar da praza San Martiño.
“O CIMM debe seguir operativo neste edificio que como indicamos cumpre os requisitos de privacidade e seguridade das usuarias e ademais o goberno de Jácome ten a obriga, mentres non se solvente esta problemática de ofertar un local en condicións adecuadas ao labor que alí se desenvolve”, remata a voceira do grupo socialista no Concello.

