O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA EN LAZA O “DESLEIXO” DO PP NO PROXECTO DE BOSQUE MÁXICO E ESIXE QUE SE ESCLAREZA O QUE ACONTECEU COS CARTOS INVESTIDOS NO PROXECTO
As e os socialistas consideran que o proxecto de Bosque Máxico “é o exemplo do desleixo e do abandono co que o PP trata á provincia de Ourense, prometendo proxectos e investimentos que rematan en saco roto e que non se acaban pondo en marcha”
Lorena Guerra Vigo, subliña que “as e os socialistas estamos comprometidos co bo uso dos recursos europeos, a través de programas que permitan o desenvolvemento económico, social e cultura da provincia”
Laza, 27 de maio de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense continúa percorrendo a provincia nesta campaña electoral de cara as eleccións europeas que se celebrarán o vindeiro 9 de xuño. Desta vez, as e os socialistas fixeron parada en Laza, onde aproveitaron para visitar o coñecido como Bosque Máxico, un proxecto impulsado polo Partido Popular con fondos europeos e do que máis 10 anos despois, nada se sabe, máis aló dunhas instalacións “totalmente abandonadas e desleixadas”.
O PSOE ourensán aproveitou a visita para esixir que “se esclareza dunha vez por todas o que aconteceu con este proxecto e cos cartos públicos procedentes de Europa que se investiron”. As e os socialistas consideran que o proxecto de Bosque Máxico “é o exemplo do desleixo e do abandono co que o PP trata á provincia de Ourense, prometendo proxectos e investimentos que rematan en saco roto e que non se acaban pondo en marcha”.






A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo, subliña que “as e os socialistas estamos comprometidos co bo uso dos recursos europeos, a través de programas que permitan o desenvolvemento económico, social e cultura da provincia”. Neste senso, a candidata socialista pon de manifesto que “no día de hoxe, volvemos a reiterar a necesidade de esclarecer que pasou co proxecto de Bosque Máxico”.
A candidata estivo acompañada polo secretario provincial e senador, Rafa Villarino; pola deputada provincial, Marina Vaz; polo voceiro municipal en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, e por outros compañeiros socialistas do municipio. Aproveitaron para visitar a contorna das instalacións e comprobar de primeira man o desleixo do PP.
Repartos en Xinzo e no Campus Universitario
Neste día de campaña, os e as socialistas tamén participaron nun reparto electoral polas rúas de Xinzo de Limia, aproveitando o día de feira, para falar coa veciñanza e trasladarlle o proxecto que PSOE ten para a provincia dende Europa. Xuventudes Socialistas tamén participou nun reparto polo campus universitario para falar coa mocidade sobre o proxecto socialista europeo.












