Eleccións Europeas 2024 Igualdade Reto Demográfio rural

Destacamos o papel da muller na construción de Europa

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O PAPEL CLAVE DA MULLER NA CONSTRUCIÓN DE EUROPA E A NECESIDADE DE IMPULSAR POLÍTICAS QUE FOMENTEN A LOITA CONTRA O DESPOBOAMENTO E NA REHABILITACIÓN DE VIVENDAS NO RURAL

A candidata, Lorena Guerra Vigo, mantivo un encontro con mulleres rurais en Rairiz de Veiga para escoitar as súas necesidades e tamén se reuniu co grupo provincial socialista para analizar medidas dende Europa enfocadas a institución e a provincia

“As e os socialistas temos como desafío clave a integración da perspectiva de xénero en tódalas políticas europeas e impulsar o papel da muller na sociedade e nunha provincia como Ourense, tamén no rural”, afirma Guerra Vigo

Rairiz de Veiga, 27 de maio de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense aproveita unha nova xornada electoral das vindeiras eleccións europeas do 9 de xuño para destacar o papel da muller rural na construción de Europa e as políticas impulsadas dende Europa na loita contra o despoboamento e na rehabilitación de vivendas no rural. As e os socialistas mantiveron un encontro con mulleres do rural no municipio de Rairiz de Veiga e tamén se celebrou unha reunión de traballo entre a candidata e o grupo provincial socialista.

No encontro celebrado en Rariz de Veiga e que contou coa presencia da candidata ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo; a alcaldesa do municipio, Asun Morgade; e a deputada provincial, Elvira Lama Fernández; analizouse cun grupo de mulleres rurais o papel “clave” da muller na construción europea. Durante o acto debateuse distendidamente sobre a “dobre problemática que supón ser muller e vivir no rural” e como o PSOE “aposta decididamente polas mulleres e por revitalizar as zonas con menos poboación”.

“Europa aposta pola igualdade e así quedou de manifesto durante os últimos 5 anos coa posta en marcha dun plan de igualdade de xénero”, explicou Lorena Guerra, que tamén incidiu que “con esta estratexia foi posible aprovar a directiva contra a violencia de xénero, loitar contra a trata e ratificar o convenio de Estambul”. A candidata socialista por Ourense ao Parlamento Europeo tamén fixo fincapé en que as e os socialistas “temos como desafío clave a integración da perspectiva de xénero en tódalas políticas europeas e impulsar o papel da muller na sociedade e nunha provincia como Ourense, tamén no rural”.

Reunión de traballo co grupo provincia socialista

A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento Europeo tamén aproveitou a xornada para manter unha reunión de traballo co grupo provincial socialista, co obxectivo de analizar iniciativas europeas na Deputación Provincial. O encontro serviu para analizar polo miúdo mocións orientadas a repercusión europea e tamén a necesaria financiación con fondos europeos de infraestruturas, proxectos termais e temas relacionados coas políticas sociais”.

Púxose especial fincapé na moción que o grupo provincial socialista levará ao pleno da Deputación este vindeiro venres pedindo un plan de axudas para a rehabilitación de vivendas no rural, co obxectivo de fixar poboación e loitar contra a grave crise demográfica que vive a provincia.

Candidata, deputadas e deputados coincidiron na necesidade de iniciativas que “loitan contra o despoboamento, eviten a presenza de casas en ruínas no rural ou fomenten os proxectos de vivenda social”. As e os socialistas teñen claro que Europa “debe implicarse na crise demográfica, no impulso do rural e nunha política de vivenda que facilite o acceso á mesma”.

O día rematou cun reparto informativo polo barrio do Couto, no que o PSdeG-PSOE de Ourense aproveitou para conversar coa veciñanza, explicarlles o seu proxecto dende Europa e analizar polo miúdo a necesidade de votar ao PSOE para seguir avanzando e non retroceder.