Deputación de Ourense INICIATIVAS

Aprobada a moción para a posta en marcha dun servizo de atención ás adiccións

OS SOCIALISTAS ACADAN DA DEPUTACIÓN DE OURENSE UN PLAN PARA A POSTA EN MARCHA DUN SERVIZO PROVINCIAL DE ATENCIÓN ÁS ADICCIÓNS

O servizo itinerante de atención ás adiccións actuará en concellos con limitados recursos aportando información, orientación e asesoramento, amais dun acaído diagnóstico e tratamento.

Ourense, 31 de maio de 2024. O Grupo Provincial Socialista logrou o acordo maioritario do Pleno da Deputación de Ourense para a implementación dun servizo itinerante de prevención, sensibilización e atención das adiccións que atenda a concellos de menos de 20.000 habitantes. “Un servizo chamado a aportar información, orientación e asesoramento, amais dun acaído diagnóstico e tratamento das vítimas de adicción”, subliñou a deputada socialista Elvira Lama. Segundo esta, “o tratamento das adiccións representan unha dificultade maior para os concellos pequenos que, polo limitado dos seus recursos, son incapaces de atender axeitadamente ás veciñas e veciños que as sofren”. “Sen o concurso da Deputación, a loita contra as adiccións preséntase coma un desafío imposible para os municipios pequenos polo limitado dos seus recursos”, dixo Lama.

As adiccións son un dos grandes problemas que enfrontan as sociedades modernas, que non só afectan ás persoas que as padecen, senón tamén ás súas familias e á sociedade no seu conxunto. A iniciativa socialista destaca a existencia dun importante abano de adiccións e de perfís humanos que son vítimas, xa sexa ás drogas, ao alcohol, xogo e apostas online, os dispositivos electrónicos ou mesmo ao sexo e a pornografía, como reflicten as estatísticas e informes do Observatorio español das drogas e as adiccións. “As adiccións afectan a unha ampla gama de figuras, que poden ser traballadores por conta allea ou emprendedores, de diferentes estratos sociais, incluso acomodadas, con estruturas familiares normalizadas e funcionais, homes e mulleres, en idades maduras ou na adolescencia, galegos de berce, naturalizados ou inmigrantes”, destacou Lama.