Deputación de Ourense INICIATIVAS

Impulsamos un plan para a rehabilitación de vivendas para uso social

OS SOCIALISTAS ACADAN DA DEPUTACIÓN DE OURENSE UN PLAN PARA A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS PARA USO SOCIAL

Aínda que rebaixando a proposta inicial, o plan de rehabilitación, que pretende fixar poboación no rural e loitar contra o despoboamento, contará con 200.000 euros a repartir entre os concellos interesados.  

Ourense, 31 de maio de 2024. O Grupo Provincial Socialista acada que a Deputación de Ourense poña marcha dun plan de axudas de rehabilitación de vivendas para o seu aluguer social en concellos de menos de 20.000 habitantes. Os socialistas, que demandaban dotar ao plan cun orzamento de 1.820.000€ euros, que correspondía a unha axuda anual de 20.000 euros para cada un dos 91 concellos da provincia, arrincaron o acordo do PP para dotar inicialmente á iniciativa con 200.000 euros, a repartir en réxime de competencia competitiva entre os municipios que queiran optar ás achegas. “Está claro que non é o óptimo, que non é o que nós reclamabamos, pero é un punto de partida, un inicio, que conta co compromiso do grupo popular para incrementar a partida en sucesivos exercicios orzamentarios”, sinala Álvaro Vila, voceiro socialista na Deputación de Ourense.

Na exposición de motivos, Vila xustificou a proposta socialista na necesidade de loitar contra o despoboamento no rural, afirmando que “os concellos, e a Deputación, non poden ser alleos a esta problemática”. “Xerar vivenda de aluguer social ten amosado ser un mecanismo efectivo para fixar poboación e que reabran outros servizos”, afirmou o voceiro do PSdeG-PSOE. Para Vila, “esta axuda servirá de complemento aos diferentes plans estatais e autonómicos, que só cobren unha parte do orzamento das obras para a adecuación de inmobles, non pudendo moitos concellos asumir o resto dos custos”. “A rehabilitación entóxase unha valiosa ferramenta para aumentar a oferta de vivenda e atraer novos veciños, sendo a obriga da política, e neste caso da Deputación de Ourense, o exercicio responsable dun rol facilitador e dinamizador a través dos nosos concellos”, sentenzou Vila.