concellos INICIATIVAS

O PSOE de Viana solicita a convocatoria dun pleno extraordinario para buscar solucións á mina de Penouta

O PSOE DE VIANA REXISTRA UNHA SOLICITUDE PARA CONVOCAR UN PLENO EXTRAORDINARIO TRAS COÑECERSE A SENTENZA DE ANULACIÓN DO PERMISO DE EXPLOTACIÓN DA MINA DE PENOUTA

Para o grupo municipal socialista vianés a situación “é de extrema gravidade”, xa que tal e como apuntan o peche afecta especialmente a “traballadores, traballadoras, pero tamén a veciñanza en xeral, pola riqueza económica que xera a mina na vila e comarca”

Germán García pídelle ao goberno municipal “non perder máis tempo e adoptar iniciativas que revertan a situación, achegando propostas para atopar e coñecer posibles solucións ao cese de actividade da mina de Penouta”

Viana do Bolo, 12 de xuño de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar a través do rexistro unha solicitude para a convocatoria dun pleno extraordinario en relación a situación na que queda a explotación da mina da Penouta. As e os socialistas piden que o pleno se celebre “coa maior urxencia posible”, logo de coñecerse a sentenza de anulación do permiso de explotación da mina por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Para o grupo municipal socialista vianés a situación “é de extrema gravidade”, xa que tal e como apuntan o peche afecta especialmente a “traballadores, traballadoras, pero tamén a veciñanza en xeral, pola riqueza económica que xera a mina na vila e comarca”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García Ávila-Arias, subliña que “vemos con preocupación a situación na que vai quedar todo o tecido empresarial e económico do municipio ante esta situación”. Motivo polo que lle pide ao grupo de goberno municipal “non perder máis tempo e adoptar iniciativas que revertan a situación, achegando propostas para atopar e coñecer posibles solucións ao cese de actividade da mina de Penouta”.

García-Ávila Arias considera que “ademais da riqueza económica que a mina da Penouta xera para Viana do Bolo no relativo aos postos de traballo, tamén estamos falando dunha explotación que é referente na extracción dun mineral estratéxico como o coltán a nivel nacional e europeo”.

O PSOE vianés considera “primordial” que a mina “preserve todas as garantías de salubridade e seguridade” e subliña que “é factible que funcione nestas condicións”, polo que pide a implicación das diferentes administracións para “solucionar os problemas actuais”.