Deputación de Ourense INICIATIVAS

Instamos á Deputación a coordinar iniciativas para a recollida de axuda humanitaria para Palestina

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA LEVA AO PLENO DA DEPUTACIÓN A DRAMÁTICA SITUACIÓN DO POBO PALESTINO E CHAMA A UNHA MOBILIZACIÓN COMO NA INVASION DA UCRAÍNA

“É xusto denunciar o desleixo do pobo palestino e evidenciar a nosa solidariedade nestes momentos de gran sufrimento para que acaben as masacres e se levante o bloqueo”, afirma o voceiro socialista

“A Deputación debe poñer todos os medios ao seu dispor, como fixo durante a invasión rusa da Ucraína, promovendo daquela iniciativas e mostras de solidariedade coas vítimas de Putin”, sostén Álvaro Vila

Ourense, 24 de xuño de 2024. O Grupo Provincial Socialista leva ao pleno da Deputación de Ourense unha moción de solidariedade con Palestina, instando ao Estado de Israel a poñer fin “ao asedio e bombardeos indiscriminados sobre a poboacións civís” na Franxa de Gaza. “É de xustiza denunciar a situación de desleixo do pobo palestino e evidenciar a nosa solidariedade nestes momentos de gran sufrimento para que acaben as masacres e se levante o bloqueo a prol do subministro de produtos básicos e axuda humanitaria”, afirma o voceiro socialista, Álvaro Vila. Para este, “é inadmisíbel que Gaza sexa unha cárcere a ceo aberto para 2,4 millóns de palestinos, cunhas vidas condicionadas ao prace das autoridades israelís”.

No decorrer do pleno da Deputación de Ourense, previsto para o vindeiro venres, terán pasado exactamente 295 días desde que a organización terrorista Hamas perpetrou o atentado que desencadeou a resposta militar do Estado hebreo, que non cesa. A Oficina para a Coordinación de Asuntos Humanitarios de Nacións Unidas (OCHA, polo seu acrónimo en inglés) da conta de 36.586 mortos e 83.074 feridos palestinos, moitos graves, representando nenos e mulleres un 70% do total, incluíndose milleiros de mutilados. Fronte a estes,  fai balance de 1.200 vítimas mortais e 5.432 damnificados israelís, case todos tralo atentado do 7 de outubro. Ás perdas humanas hai que engadir 1,7 millóns de desprazados e a destrución de máis de 70.000 vivendas en Gaza.

“A desproporción da resposta israelí equivalería a promover unha campaña de exterminio do pobo vasco por todo o mal perpetrado por ETA ou erradicar ao pobo irlandés polos atentados do IRA”, denuncia Vila. Segundo a OCHA, 1,1 millón de persoas teñen acadado o estado de fame e un 41% dos menores de dous anos adoecen mal nutrición severa. Faltan alimentos, auga potable e até 26 hospitais foron abatidos, funcionando unha ducia parcialmente, sen médicos, equipos nin medicinas. “Non podemos permanecer impasibles diante da exterminación dos palestinos xa non como represalia, senón sobre bases políticas, relixiosas e étnicas, que xustifican calquera acción salvaxe ao seu encontro”, láiase Vila.

Mobilización de Deputación, como da Ucraína

A proposta socialista contempla que a Deputación de Ourense promova, axude e coordine iniciativas para a recollida de axuda humanitaria entre concellos e organizacións de toda a provincia. Segundo Vila, “pretendemos que se poñan todos os medios ao dispor da Deputación para recadar os aportes, dispoñendo de centros de recollida e almacenamento ou facilitando o transporte para poñer as achegas en mans de instancias e axencias habilitadas para conducir as achegas ata os damnificados palestinos”. “Non sería a primeira vez que a Deputación protagoniza unha mobilización destas características, que xa se produciu durante a invasión rusa da Ucraína con iniciativas e mostras de solidariedade coas daquela vítimas da agresión de Putin”, sostén Vila. 

“Agora a vítima é o pobo palestino e, na medida das nosas posibilidades, non podemos manternos á marxe”, mantén o voceiro do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense. “Non se trata dunha moción de corte político, nin para vangloriar a deriva do goberno do Estado a nivel diplomático, nin para contrapoñer a visión duns partidos sobre outros. O que se pretende é mostrar unha fronte unida, manifestar a solidariedade dos nosos grupos políticos, facer o pouco ou moito que estea na nosa man, chamando a atención das e dos ourensáns sobre unha catástrofe que ten pouco de anódina, por moito que se intente banalizar, normalizar, relativizar e mesmo xustificar por sectores ben identificados”, sentenza Vila.