O PLENO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBA AS INICIATIVAS SOCIALISTAS PARA SOLUCIONAR O PECHE DA MINA DE PENOUTA
Todos grupos subscribiron a moción do PSdeG-PSOE urxindo á adopción de medidas para a recondución da situación da explotación de coltán en Viana do Bolo trala recente sentenza do TSXG.
“A Deputación ten que ser parte da solución fronte á falta a proactividade da Xunta para acadar unha solución e que a mina non permaneza paralizada”, denunciou o socialista Tino Alonso.
Ourense, 28 de xuño de 2024. Por unanimidade aprobouse a moción socialista urxindo á Deputación de Ourense a adoptar medidas para a pronta recondución da situación da Mina de Penouta, en Viana do Bolo, trala sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que paraliza a súa actividade. Amais de demandar da Deputación que facilite asesoramento e atención aos traballadores “para paliar a difícil situación que atravesan”, a iniciativa esixe a aceleración na realización das análises sobre a realidade das condicións hídricas na entorna da explotación. “Augas de Galicia, que depende da Xunta, está a tardar demasiado en dar conta dos resultados das analíticas dos metais pesados”, denunciou o deputado socialista Tino Alonso.
En base ao principio de precaución, o TSXG entende que «non convén permitir a actividade ata que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de metais». Para Alonso, “hai que tomar as decisións oportunas para que a Mina volva a funcionar cumprindo cos requisitos medioambientais e que non se vexan afectados os postos de traballo que tanto necesita a Galicia baleirada”. Tal e como coincidiron todos os grupos da corporación provincial, é un feito a importancia da Mina de Penouta para a economía da comarca de Viana, dependendo directamente da súa actividade un total de 129 familias, así como empresas auxiliares e de servizos, estimando os sindicatos que se crean até tres postos indirectos por cada traballador da explotación.
A iniciativa socialista tamén contempla a elaboración dun estudo en profundidade sobre a realidade e potencialidades do sector mineiro na provincia, que inclúa o estado de cousas actual das concesións e dereitos mineiros con vistas á actualización e reordenación do sector. Para Alonso, “o goberno autonómico ten que darlle unha volta ás concesións deste tipo de explotacións e, nalgúns caso, volver a sacalas a concurso porque non é admisible que a Mina de Penouta permaneza pechada tratándose dunha explotación única en Europa, onde se extrae coltán, que é un mineral estratéxico a nivel mundial”. “Fronte a falta de reactividade da Xunta, a Deputación está na obriga de ser parte da solución para un aproveitamento sustentable e respectuoso co medio ambiente das oportunidades que ofrece a explotación dos minerais raros na nosa provincia”, sentenzou Alonso.

