A ÁREA DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE CONSEGUE PARALIZAR O EMBARGO DA PENSIÓN ALEMÁ POLA FACENDA XERMANA A UN MATRIMONIO DE EMIGRANTES RETORNADOS
O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, encargouse persoalmente da xestión e tras presentar unha petición formal conseguiu a retirada do embargo
Tralas xestións, o matrimonio vén de recibir unha comunicación oficial de Alemaña na que se ordena a retirada do embargo ante a seguridade social alemá e a maiores, ao existir ingresos indebidos, ofréceselles a opción de reembolsar as cantidades retidas ou compensalas con futuros impostos a pagar”
Ourense, 2 de xullo de 2024. A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense vén de informar de que nos últimos días conseguiu que se paralizase o embargo da pensión alemá pola facenda xermana a un matrimonio de emigrantes retornados. O secretario provincial de migracións, Luís Gulín, encargouse persoalmente da xestión e tras presentar unha petición formal conseguiu a retirada do embargo.
Dende a área de migracións do PSOE ourensán explican que no mes de maio recibiron unha petición de axuda por parte dun matrimonio de emigrantes retornados de Alemaña que reside en Ribadavia, tras recibir estes un aviso de embargo da facenda alemá sobre a pensión que perciben do país xermano. A inspección tributaria reclamaba 2.500 euros debido a unha suposta falta de pagamento dos impostos dos anos comprendidos entre 2018 e 2021.
“O estraño da situación era que un dos cónxuxes si abonara as cantidades reclamadas en temo e forma, namentres que o outro estaba dentro do límite exento de declarar en Alemaña”, explica o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias.
Esta circunstancia levou ao secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense a solicitar toda a documentación de pagos realizados, comunicando á facenda alemá a petición de revisar a situación anómala. Tralas xestións, o matrimonio vén de recibir unha comunicación oficial de Alemaña na que se ordena a retirada do embargo ante a seguridade social alemá e a maiores, ao existir ingresos indebidos, ofréceselles a opción de reembolsar as cantidades retidas ou compensalas con futuros impostos a pagar”.
Tal e como apuntan dende o PSOE ourensán, o erro radica en que antes do ano 2018, un dos cónxuxes optara desde 2016 pola declaración individual, tendo un NIF xermano personalizado. A partir do ano 2018 e para mellorar a súa situación tributaria alemá, o matrimonio optou pola declaración conxunta. “A diferenza do que acontece en España, en termos fiscais no país xermano, os matrimonios ou parellas de feito teñen o seu propio NIF, ademais do persoal”, explica Gulín, que tamén apunta que “por erro do Finanzamt Neubrandenburg non se rexistrou correctamente o cambio e seguíanse enviando avisos de pago de impostos ao titular con NIF individual”.

