O PSDEG-PSOE DE LEIRO DENUNCIA O USO DE GLISOFATO POR PARTE DE OPERARIOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE NA ESTRADA OU-306 QUE UNE LEIRO CON PENA CORNEIRA
As e os socialistas critican que o goberno municipal “non sexa quen de facer cumprir” os acordos plenarios adoptados nas sesións municipais, nin comunicar as diferentes administracións a prohibición de utilizar este composto nas estradas do termo municipal
Manuel Rodríguez considera “extremadamente grave o uso de glisofato”, xa que tal e como apunta “trátase dun composto moi soluble na auga e persistente no chan, que contamina os acuíferos e que é tóxico para a fauna e flora”
En 2020 o pleno municipal acordou o abandono do uso de herbicidas derivados do glisofato no termo municipal e que se lle comunicase esta decisión as administracións competentes
Leiro, 3 de xullo de 2024. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o uso de glisofato por parte de operarios da Deputación de Ourense na estrada provincial OU-306 que une Leiro con Pena Corneira. As e os socialistas critican que o goberno municipal “non sexa quen de facer cumprir” os acordos plenarios adoptados nas sesións municipais, nin comunicar as diferentes administracións a prohibición de utilizar este composto nas estadas do termo municipal.
Dende o grupo municipal socialista amósanse “moi preocupados” ante a situación acontecida nos últimos días, cando se realizou un sulfatado con glisofato nunha das estradas da rede viaria que transcorre polo municipio. Unha situación que tal e como apuntan os e as socialistas e que se pode comprobar in situ “provocou que a vexetación da zona quedase totalmente arrasada”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, considera “extremadamente grave o uso de glisofato”, xa que tal e como apunta “trátase dun composto moi soluble na auga e persistente no chan, que contamina os acuíferos e que é tóxico para a fauna e flora”. O edil socialista considera que a utilización deste composto, presente en numerosos herbicidas “constitúe un risco para a poboación, os traballadores que o empregan, o gando, a flora, as augas e o chan, debido a súa toxicidade”.


“Existen estudos científicos que relacionan o uso do glisofato con afeccións e enfermidades”, subliña Rodríguez Vázquez, que tamén apunta que entre os efectos adversos deste principio activo danse casos de “toxicidade subaguda e crónica, danos xenéticos, transtornos reprodutivos, aumento da frecuencia de anomalías espermáticas ou carcinoxénese”. Por todo elo, o voceiro socialista insta ao goberno municipal “a deter dunha vez por todas o uso de glisofato no termo municipal e a trasladarllo ao resto de administracións competentes”.
Incumprimento dos acordos plenarios
O PSdeG-PSOE de Leiro tamén denuncia o “flagrante” incumprimento dos acordos adopatos polo pleno municipal no ano 2020 e nos que se acordou o abandono do uso de herbicidas derivados do glisofato no termo municipal. Nos mesmos tamén se reflexaba que se comunicase as diferentes administracións o abandono inmediato de herbicidas con este composto.
Manuel Rodríguez afirma que, tal e como se pode comprobar tras esta actuación, “os acordos que se toman nos plenos do noso concello, non se poñen en práctica nin se executan”. O voceiro socialista critica que o goberno municipal “non cumpra os acordos que eles mesmos aproban” e denuncia que “non se chegou a comunicar ao resto de administracións o acordado en pleno”.
Estes son os puntos de acordo adoptados polo pleno municipal en 2020:
Primeiro.- O Concello de Leiro insta ás administracións a programar ao longo do vindeiro ano 2020 un abandono progresivo do uso de herbicidas no control da vexetación das marxes das estradas autonómicas, primando sempre a seguranza viaria dos usuarios. Do mesmo xeito, a solicitar se realice unha programación análoga para o abandono deste tipo de produtos.
Segundo.- Este concello dirixirase a maior brevidade posible á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e á Deputación de Ourense, solicitando o abandono inmediato do uso de herbicidas derivados do glifosato no tratamento das Cunetas da rede viaria que pase polo termo municipal, para que a protección da saúde das persoas e o medio no seu municipio sexa realmente efectiva.
Terceiro.- O concello comprométese a informar deste acordo a todos os colectivos e entidades políticas, sociais e veciñais existentes no municipio para evitar tamén o uso doméstico de herbicidas con glifosato.

