concellos Denuncias

O PSOE de Xinzo considera inadmisible que o alcalde de ausentase da presentación do proxecto da N-525

O PSDEG-PSOE DE XINZO CONSIDERA “INADMISIBLE” A ACTITUDE DO ALCALDE QUE SE AUSENTOU DA PRESENTACIÓN DO PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DA N-525 PARA IR A MADRID A RECOLLER UN PREMIO PERSOAL POLO SEU NEGOCIO DE PATACAS

As e os socialistas pregúntanse “cales son as prioridades do rexedor?” e láianse de que estea máis preocupado por cuestións persoais que doutras que afectan a todo o municipio

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que “para ser alcalde, os intereses de Xinzo de Limia sempre deben estar por riba dos intereses propios”

Xinzo de Limia, 15 de xullo de 2024. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia considera “inadmisible” a actitude do alcalde, Amador Díaz, que a semana pasada decidiu ausentarse da presentación do proxecto de humanización da N-525, para ir a recoller un premio do seu negocio persoal a Madrid. As e os socialistas pregúntanse “cales son as prioridades do rexedor?” e láianse de que estea máis preocupado por cuestións persoais que doutras que afectan a todo o municipio.

Dende o grupo municipal socialista explican que a pasada semana a subdelegación do Goberno convocou en Ourense aos representantes políticos de Xinzo para a presentación do proxecto de humanización da N-525 ao seu paso polo municipio. Para sorpresa dos presentes, o rexedor non acudiu a dito acto, pero tal e como apuntan as e os socialistas “horas despois coñeciamos que o motivo da súa ausencia é que estaba en Madrid recollendo un premio polo seu negocio de patacas”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, afirma que “para ser alcalde, os intereses de Xinzo de Limia sempre deben estar por riba dos intereses propios”. A edil socialista subliña que ante estes acontecementos e despois dun ano de mandato de Amador Díaz “temos claro que só lle interesa o seu e que Xinzo e a veciñanza non lle importan nada”.

“Como pode un rexedor ausentarse da presentación dun dos proxectos máis importantes e transformadores da historia de Xinzo, como é a humanización da N-525, para ir a Madrid a recoller un premio persoal e alleo ao seu cargo de alcalde?”, pregúntase Lama Fernández. A voceira socialista insta a Amador Díaz a “pensar máis en Xinzo e na súa veciñanza e menos nos seus egos persoais” e lembra que nun ano de mandato o municipio e a cidadanía “segue agardando polos proxectos prometidos por Díaz, que a día de hoxe son unha utopía”. Neste senso tamén afirma que o actual alcalde “segue vivindo dos proxectos conseguidos polo anterior equipo de goberno encabezado polo PSOE, e non hai nin rastro de novos investimentos”.