concellos INICIATIVAS

O PSOE de Viana reitera a súa petición para a reapertura da oficina da Deputación no municipio

O PSDEG-PSOE DE VIANA INSTA NOVAMENTE A REAPERTURA INMEDIATA” DA OFICINA DA DEPUTACIÓN PARA ATENDER OS ASUNTOS RELACIONADOS COS IMPOSTOS E O CATASTRO

As e os presentan novamente unha moción que xa foi aprobada a finais de 2023, debido a “inacción do goberno municipal e dada a importancia e a urxencia de buscar solucións a este peche”

Germán García-Ávila destaca que “nunha poboación tan envellecida como a de Viana, non é de recibo que se peche esta oficina”, motivo polo que esixe a apertura “inmediata, ou no caso de que a Deputación poña algún atranco, abrila, como pouco, dous días a semana”

Viana do Bolo, 16 de xullo de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro xoves 18 na que reitera novamente a súa petición para que se manteña aberta a oficina que a Deputación Provincial de Ourense tiña no municipio para xestionar temas relacionados cos pagos de impostos e cos problemas e erros que se presentan na valoración e asignación de fincas no catastro. As e os socialistas explican que a moción “xa foi aprobada a finais do ano pasado, pero a inacción do goberno municipal e dada a importancia e a urxencia de buscar solucións a este peche, obrigounos a traer de novo a moción a este pleno, para que sexa aprobada, se lle dea traslado a Deputación e se proceda a apertura inmediata”.

Dende o grupo municipal socialista explican que o concello de Viana do Bolo mantén subscrito un convenio coa Deputación Provincial de Ourense para a xestión de cobro dos diferentes impostos que se aplican á veciñanza. Un acordo aprobado no pleno do 15 de decembro de 2008, vixente ata o ano 2013, e que se foi prorrogando tacitamente por períodos de 4 anos. Tal e como explican, o convenio “supón un custo elevado para as arcas municipais, xa que varía trimestralmente dende os 40.000 euros aos 70.000”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que no pleno do 16 de novembro de 2023, o PSOE vianés xa presentou unha moción neste senso, que “foi aprobada por unanimidade”. Neste senso apunta que ata o de agora “nada se fixo” e apunta a que o expresado por entón polo voceiro do BNG, unha vez analizado o convenio “non era certo, xa que afirmaba que o convenio obrigaba a Deputación a manter aberta a oficina”. Lembra tamén que os e as socialistas “propuxemos que se solicitase a Deputación a apertura voluntaria, apelando a un xesto de sensibilidade ca problemática que se lle presenta á veciñanza, máis non se fixo nada”.

García-Ávila Arias destaca que “nunha poboación tan envellecida como a de Viana do Bolo, non é de recibo que se peche esta oficina”, motivo polo que esixe a apertura “inmediata, ou no caso de que a Deputación poña algún atranco, abrila, como pouco, dous días a semana”. O voceiro socialista esíxelle a concello e Deputación “sensibilidade cara a veciñanza, facilitando, que de maneira presencial, poidan arranxar os problemas que se lle presentan”.

Dende o PSOE de Viana do Bolo explican que tralo peche da oficina “a veciñanza vese na obriga de acudir as oficinas de Ourense ou por en mans de profesionais o arranxo das diferentes situacións que se presentan, co correspondente custe económico que supón para os seus petos”. Os e as socialistas tamén reclaman que se a Deputación rexeita a posibilidade de apertura de oficina a diario ou dous días a semana que o equipo de goberno “realice un estudo exhaustivo e o presente a pleno, a efectos de estudar e no seu caso aprobar, a viabilidade de contratar o servizo integral do cobro dos impostos e a apertura dunha oficina de atención, cunha empresa especializada nestas xestións”.