Executiva municipal de Ourense Memoria Democrática Política municipal

Renderemos homenaxe ao primeiro alcalde socialista da cidade, Manuel Suárez

A COMISIÓN EXECUTIVA MUNICIPAL DO PSDEG DE OURENSE
RENDERÁ HOMENAXE AO PRIMEIRO ALCALDE SOCIALISTA DA
CIDADE, MANUEL SUÁREZ, FUSILADO HAI 87 ANOS


“Manoliño” foi asasinado na madrugada do 27 de xullo de 1937.
Impulsor da modernización de Ourense nos anos 30, presidente da
agrupación local socialista e vicepresidente da Deputación


Ourense, 20 de xullo de 2024. A Comisión Executiva Municipal (CEM) do
PSdeG de Ourense renderá homenaxe a figura do primeiro alcalde socialista da
cidade, Manuel Suárez Castro, que foi fusilado polo bando franquista hai agora
87 anos. O acto terá lugar o venres 2 de agosto, ás 19.00 horas, ao pé da
igrexa de Santa María Nai e ao carón da Casa Consistorial, como vén sendo
habitual.
Nesta ocasión, a lembranza será máis emotiva, se cabe, tralo pasamento da súa
filla Dolores Suárez Bretaña (“Lolita”) a finais de 2023, aos 100 anos, e que
tamén militou ao longo da súa vida na agrupación municipal do PSOE ourensán.
‘Manoliño’ foi asasinado na madrugada do 27 de xullo de 1937. Impulsor da
modernización de Ourense e do ferrocarril nos anos 30, presidente da
agrupación local socialista, vicepresidente da Deputación, cofundador da Caixa
de Aforros Provincial e canteiro de profesión. Foi unha das moitas vítimas
inocentes que perderon a vida por culpa do golpe de Estado contra o goberno
lexítimo da II República.
Os ‘delitos’ que lle costaron a morte a mans dos franquistas foron o de ser
alcalde republicano, ser socialista, uxetista e masón. Ata o falecemento de
Pablo Iglesias Posse, fundador do partido e sindicato, Manuel Suárez mantivo
estreita relación con el. De feito, o seu fillo levou o nome de Pablo en honra a
Iglesias, que foi o seu padriño.
Outro dos ourensáns fusilados ese día xunto a ‘Manoliño’ foi Antonio Taboada
Novoa, secretario xeral de Juventudes Socialistas de Ourense.