Concello de Ourense Política municipal PSdeG

Lamentamos que outra nova sentenza deixe patente que o alcalde non se cingue aos procedementos administrativos para gobernar

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA LAMENTA QUE OUTRA NOVA SENTENZA DEIXE PATENTE QUE O ALCALDE NON SE CINGUE AOS PROCEDEMENTOS ADMINISTRATIVOS PARA GOBERNAR O CONCELLO DE OURENSE

A edil do PSdeG María Fernández afirma que Gonzalo Pérez Jácome parece que «non remata de comprender que é o alcalde» da terceira cidade de Galicia e que debe de «someterse ao criterio, aos procedementos e á regulación administrativa» para dirixir unha administración pública

A tamén secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG pide ao rexedor, novamente, que «tente dirixir Ourense como o que é, a terceira cidade da nosa Comunidade Autónoma»

Ourense, 17 de xullo de 2024. O novo pronunciamento xudicial que vén de declarar nulo o nomeamento do director xeral de Intelixencia Artificial do Concello de Ourense, Juan Carlos Fernández Fasero, constitúe para o grupo municipal socialista unha demostración máis da falta de rigor e seriedade coa que o rexedor e o seu equipo de goberno actúan constantemente.

A edil do PSdeG María Fernández Ojea subliña que Gonzalo Pérez Jácome parece que «non remata de comprender que é o alcalde» da terceira cidade de Galicia e que debe de «someterse ao criterio, aos procedementos e á regulación administrativa» para dirixir unha administración pública.

«Cando a vulneras, ou a revistes dunha extraordinaria creatividade, ten consecuencias negativas para a veciñanza e, neste caso concreto, tamén para os seus propios amigos», sinala contundente logo da sentenza coñecida no día de hoxe na que se destaca a ausencia de titulación específica que requería o nomeamento e que colisiona coas características do posto a desenvolver.

Ademais, advirten dende o grupo municipal do PSdeG que a política de contratación de persoal do executivo de Democracia Orensana non é máis que o reflexo do caos e ausencia de criterio baixo o que gobernan a e que, como teñen mencionado con anterioridade, tamén afecta a outras áreas como o investimento de cartos públicos.

«Se neste caso vemos que un procedemento que o Xulgado di que colisiona coas características do posto de traballo, que non existiu idoneidade, isto vese en numerosos procedementos xudiciais como no da nulidade do Capítulo I que afecta a gran parte dos traballadores e traballadoras públicas», resumiu sobre a inseguridade xurídica ocasionada por Jácome e os seus edís.

Remata a tamén secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG pedindo ao rexedor, novamente, que «tente dirixir Ourense como o que é, a terceira cidade da nosa Comunidade Autónoma».