Concello de Ourense Denuncias Política municipal

Censuramos que Jácome vete como pregoeiro das Festas da Ponte ao recoñecido profesional da radio ourensá Pepe González

AS SOCIALISTAS CENSURAN QUE JÁCOME VETE COMO PREGOEIRO DAS FESTAS DA PONTE A PEPE GONZÁLEZ, RECOÑECIDO PROFESIONAL DA RADIO OURENSÁ, ORGULLOSO VECIÑO DA CIDADE QUE FOI PROPOSTO POLA COMISIÓN

As e os socialistas reiteran que o dirixente de Democracia Orensana actúa como un pequeno dictador e furta á cidadanía a posibilidade de decidir quen debe ser o pregoeiro das súas festas, neste caso en concreto en base a inquinas persoais

Así mesmo, o grupo do PSdeG esíxelle ao rexedor que deixe de actuar como presidente dunha comisión de festas e se adique a gobernar con dilixencia a terceira cidade de Galicia

Ourense, 23 de xullo de 2024. O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense censura que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, vete como pregoeiro das Festas da Ponte ao xornalista de extensa e recoñecida traxectoria nas ondas ourensás, Pepe González, logo de que o mesmo afirmase que o rexedor “se puxo como unha fera” con representantes da comisión de dito barrio “negándose” a que dera o discurso de apertura dos días de celebración.

As e os socialistas reiteran que o dirixente de Democracia Orensana actúa como un pequeno dictador e furta á cidadanía a posibilidade de decidir quen debe ser o pregoeiro das súas festas, neste caso en concreto en base a inquinas persoais e preferencias mediáticas individuais. Lamentan que un orgulloso veciño de A Ponte que é exemplo de calidade humana e compromiso social vexa o seu micro apagado mentres o alcalde sube aos palcos das orquestras continuamente para darse baños de masas.

Así as cousas, o grupo do PSdeG esíxelle ao rexedor que deixe de actuar como presidente dunha comisión de festas e se adique a gobernar con dilixencia a terceira cidade de Galicia. E desexan trasladarlle ao profesional da radio, que non poderá desfrutar da honra de ser pregoeiro, o seu apoio e agarimo.