O PSOE DE OURENSE PRESENTA UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS NO PARLAMENTO DE GALICIA EN RELACIÓN ÁS OBRAS DA PONTE DA ESPERELA EN LEIRO, INICIADAS EN PLENA ÉPOCA ESTIVAL
As e os socialistas queren saber os motivos polos cales o goberno galego optou por iniciar as obras en verán, coincidindo co aumento de visitantes e a chegada de máis veciños e veciñas, que se ven na obriga de dar un importante rodeo para poder acceder ao municipio
Carmen R. Dacosta subliña que “estas obras son froito da total e absoluta falla de previsión e da desidia por parte da Xunta” e afirma que “as mesmas deberían terse realizado noutra época de menor afluencia de persoas, para evitar os trastornos que producen”
Leiro, 1 de agosto de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar no Parlamento de Galicia unha batería de preguntas en relación ás obras que a Xunta de Galicia está levando a cabo na ponte da Esperela, no municipio ourensán de Leiro. As e os socialistas queren saber os motivos polos cales o goberno galego optou por iniciar as obras en plena época estival, coincidindo co aumento de visitantes e a chegada de máis veciños e veciñas, que se ven na obriga de dar un importante rodeo para poder acceder ao municipio.
A parlamentaria socialista por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de rexistrar varias preguntas para a súa resposta oral e por escrito na comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos e no pleno. A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense pon o foco en “se a Xunta é coñecedora dos trastornos que ocasionan as obras a veciños e comerciantes” e pide que se aclare “cando foi contratada a obra por parte da Xunta de Galicia?”.
Rodríguez Dacosta pregúntase “cal foi a causa de que as obras da ponte da Esperela se realicen en plena época estival?”, xa que tal e como apunta “o verán aumenta a poboación de Leiro, coa chegada de máis veciños, veciñas e turistas”. Considera a parlamentaria socialista que as obras “supoñen un gran trastorno para todos e todas, xa que a principal arteria de entrada a Leiro atópase cortada, obrigando a un desprazamento de 6 quilómetros”.




“Estas obras son froito da total e absoluta falla de previsión e da desidia por parte da Xunta de Galicia”, subliña Rodríguez Dacosta antes de afirmar que “as mesmas deberían terse realizado noutra época de menor afluencia de persoas, para evitar trastornos a veciñanza, aos negocios e aos turistas”. Neste senso, a parlamentaria socialista esíxelle ao goberno galego que “nun futuro acometa as obras cunha planificación axeitada, tanto en Leiro, como no resto de municipios da provincia e de Galicia”.
Esta batería de preguntas vén motivada pola denuncia que o grupo municipal socialista en Leiro fixo fai uns días, coincidindo co inicio das obras da ponte da Esperela e do corte da principal arteria de entrada a capitalidade municipal.

