GOBERNO ESTATAL Infraestruturas

Celebramos o compromiso do Goberno co avance das obras da circunvalación do Barco

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA O COMPROMISO DO GOBERNO CO AVANCE DAS OBRAS DA CIRCUNVALACIÓN DO BARCO, TRALA FINALIZACIÓN DO CALE DO TÚNEL DO SEIXO

As e os socialistas salientan que estamos ante unha obra de “vital importancia” tanto para O Barco de Valdeorras como para o oriente ourensán, pois permitirá unha conexión directa entre a N-120 e a N-536, entre Sobradelo e O Barco de Valdeorras

Marga Martín e Rafa Villarino subliñan que a circunvalación permitirá “retirar o tráfico pesado da área urbana do Barco de Valdeorras, mellorando a mobilidade de vehículos, reducindo as emisións de CO2 e facilitando a seguridade viaria en toda a vila”

Ourense, 2 de agosto de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra o avance das obras da circunvalación do Barco tras informar o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible da finalización do cale do túnel do Serro, que permitiu unir ambos frontes da escavación. As e os socialistas salientan que estamos ante unha obra de “vital importancia” tanto para O Barco de Valdeorras como para o oriente ourensán, pois permitirá unha conexión directa entre a N-120 e a N-536, entre Sobradelo e O Barco de Valdeorras.

As obras da circunvalación do Barco contan cun investimento de 57 millóns de euros e o encontro entre as frontes da escavación supón un importante avance das obras. A execución do túnel conta cun investimento de 11,6 millóns de euros, o que supón o 20% do total da actuación. 10,7 millóns de euros corresponden á obra civil e 0,9 millóns ás instalacións.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, destacan a importancia dunhas obras que permitirán “retirar o tráfico pesado da área urbana do Barco de Valdeorras, mellorando a mobilidade de vehículos, reducindo as emisións de CO2 e facilitando a seguridade viaria en toda a vila”. Neste senso, tamén apuntan que a futura circunvalación do Barco “axudará a desconxestionar o tráfico de turismos, cunha conexión directa entre a N-120 e a N-536”.

Martín e Villarino afirman que as obras da circunvalación do Barco “son un dos exemplos máis claros do compromiso do executivo de Pedro Sánchez coa provincia de Ourense, a través de investimentos notables en materia de infraestruturas”. A deputada e o senador aproveitan para lembrar que este proxecto, ao igual que moitos outros, “foron desleixados durante anos polo Partido Popular, que ven agora esixindo obras, cando durante os mandatos de Rajoy tapiaba túneles e gardaba proxectos nun caixón”.

O túnel do Serro é unha infraestrutura consistente nun só tubo cunha lonxitude de 490 metros e cuxa pendente lonxitudinal é do 3%, cun radio en planta de 2.500 metros. A sección transversal útil disporá polo menos de 11,8 metros de anchura, nos que se aloxarán dous carrís de 3,50 metros, arcéns, mediana e beirarrúas.