Executiva Provincial de Ourense Sanidade

Este venres celebramos un encontro en Riós para analizar a situación da sanidade pública

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA ESTE VENRES EN RIÓS UN ENCONTRO PARA ANALIZAR A SITUACIÓN QUE VIVE A SANIDADE PÚBLICA NA COMARCA E NA PROVINCIA

Un acto organizado pola Executiva Provincial e no que as e os socialistas falarán sobre os recortes sanitarios executados polo Partido Popular e tamén das mobilizacións contra o peche do paridoiro do Hospital Comarcal de Verín

O acto contará coa intervención do ex ministro de Sanidade, José Miñones; do secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino; do xinecólogo, Javier Castrillo; e de outros cargos socialistas

Ourense, 11 de setembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra este venres no municipio de Riós un encontro coa militancia socialista e a veciñanza da comarca para analizar a situación que vive a sanidade pública na bisbarra. Un acto organizado pola Executiva Provincial e no que as e os socialistas falarán sobre os recortes sanitarios executados polo Partido Popular e tamén das mobilizacións contra o peche do paridoiro do Hospital Comarcal de Verín, coincidindo co 5º aniversario do inicio das mesmas e que fixeron recuar a Xunta na súa decisión de rematar con este servizo.

O acto terá lugar no hotel gastronómico Gandainas a partir das 21:00 horas e contará coa presenza do ex ministro de Sanidade, José Miñones; do xinecólogo do Hospital de Verín, Javier Castrillo; do secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; da deputada provincial e concelleira en Riós, Marina Vaz; da concelleira en Vilardevós, Marina Lovelace; e do alcalde de Verín, Gerardo Seoane.

Dende o PSOE ourensán pretenden por o foco na “delicada” situación que vive a bisbarra de Verín e a provincia de Ourense en materia sanitaria e denunciar os “recortes masivos” que o Partido Popular está levando a cabo na sanidade pública ourensá dende a Xunta de Galicia.

As e os socialistas lembran que o PP prometeu na campaña das eleccións autonómicas “por fin aos recortes e recuperar a sanidade pública”, pero tal e como alertan “a sangría continúa, especialmente na atención primaria, coa redución de médicos e tamén de especialistas”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense teñen claro que o obxectivo dos populares e “destruír a sanidade pública, co obxectivo de derivar aos pacientes á privada”.