A AGRUPACIÓN MUNICIPAL DO PSDEG DE OURENSE CELEBRA HOXE 128 ANOS DE “LOITA” POLOS DEREITOS SOCIAIS, SANITARIOS, LABORAIS, EDUCATIVOS E DE IGUALDADE
O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, quixo felicitar á agrupación por tanta historia de “homes e mulleres humildes que o deron e o dan todo por defender os valores que dignifican á condición humana”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enfatizou que a de Ourense é unhas das agrupacións “máis antigas” de Galicia e agradeceu o traballo desenvolto ao longo destes anos cualificándoo de “orgullo”
Ourense, 19 de setembro de 2024. Tal día coma hoxe, de 1896, conformábase, logo de varias reunións e nun ambiente de revolución da clase traballadora na provincia e na cidade, a Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense. Así o rememora o secretario de Memoria Histórica do partido na capital, Xosé Lois Carrión: “Anos atrás, en 1879, un grupo de persoas, con Pablo Iglesias á cabeza, deciden crear o PSOE. E en 1888 organízase á Unión General de Trabajadores (UGT). Polo que os dous brazos do socialismo, o ideolóxico e o sindical, comezaron a espallarse por todo o país”.
En 1896, e tras un ano da gran folga xeral na construción que paralizara todo Ourense (e na que o movemento socialista foi sustento e impulso), coa primeira visita de Pablo Iglesias frutificou a agrupación que hoxe celebra máis dun século de existencia. “É unha data para estar ledos todos os que formamos esta familia, así como para lembrar a todas esas persoas que estiveron antes ca nós e que moitas delas pagaron a súa ideoloxía con sangue e coa vida”, destacou con motivo do aniversario.
O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, remarcou que a cidade de Ourense non se pode entender sen a historia da Agrupación Municipal do PSdeG e lembrou que foron gobernos municipais do partido os que levaron a cabo “a transformación do centro” da urbe e dos barrios periféricos como o de A Ponte. Salientou tamén o feito fundamental de que “hoxe o Partido Socialista pode celebrar 128 anos, e poderá seguilos celebrando se hai ese relevo xeracional” fundamental como actualmente amosan dende as XX.SS.
Alba Iglesias, secretaria xeral da organización xuvenil na cidade, animou á militancia a que a “ilusión” sexa o motor principal que continúe guiando a actividade e reclamos do PSOE “por un futuro e un presente moito mellores”. E tampouco quixo esquecerse dos que “comezaron este camiño, os e as que se sumarón despois e os e as que a día de hoxe” están loitando para mudar a mellor a realidade da cidadanía”.
Tamén a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Dacosta, subliñou a importancia que os e as militantes tiveron para o partido ao longo deste tempo de vida. “As nosas siglas significan reivindicación polos dereitos laborais, educativos, sanitarios, sociais e a defensa da clase obreira que se atopan no noso ADN”, incidiu. E trasladou as súas felicitacións aos e ás integrantes da agrupación instando a seguir pola mesma senda.
Nesta mesma liña expresouse a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, que fixo un chamamento para “continuar coa loita” e coa actividade de denuncia e reivindicación que tanto precisa a cidade e chamou a cumprir “128 anos máis, polo menos!”. Ademais, recordou que para recoller parte da historia da agrupación estase a organizar unha exposición fotográfica sobre o último cuarto de secúlo de percorrido da mesma.
Marga Martín, deputada no Congreso, agradeceu todo o labor desenvolto por “eses homes e mulleres que ao longo destes anos formaron parte da familia do PSOE co único obxectivo de mellorar a calidade de vida e o benestar da cidadanía”. Enviou, así mesmo, azos para non decaer no esforzo de reivindicar a xustiza social e a igualdade.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, enfatizou que a de Ourense é unhas das agrupacións “máis antigas” de Galicia e agradeceu o traballo desenvolto ao longo destes anos cualificándoo de “orgullo”. “Ourense ten moita forza socialista. Ímola recuperar sen lugar a dúbidas, sendo fieis aos nosos principios e aos cidadáns e cidadás”, afirmou. “Os meus parabéns! E como sempre se di aínda, que neste caso con máis motivo: 128 anos máis para a Agrupación Municipal de Ourense e cheas de éxitos, porque serán os éxitos da inmensa maioría”, engadiu.
Patxi López, portavoz do PSOE no Congreso, tamén quixo felicitar á agrupación por tanta historia de “homes e mulleres humildes que o deron e o dan todo por defender os valores que dignifican á condición humana”.
“Sacrificamos e padecemos moito con cárcere, desterro, exilio e o que é peor aínda: todavía temos compañeiros e compañeiras enterrados nas cunetas. Pero non nos rendemos e por iso tamén conquistamos a sanidade pública, a educación universal, a atención á dependencia, as pensións dignas, as axudas aos máis vulnerables, as leis de igualdade ou os dereitos do colectivo LGBTI. Todo isto ten a sinatura dos e das socialistas”, enumerou sobre os logros acadados.
Pediu, ademais, á militancia, que non cese no intento de “frear á ultradereita que está a extender odio en España e en Europa querendo acabar con todo o que tanto custou conseguir”. Sempre con “optimismo” para defender tamén “a alegría” fronte a unha dereita que describiu como “amargada”.
A vicepresidenta do Goberno, María Jesús Montero, tamén enviou unha felicitación para a familia socialista ourensá poñendo énfase naquelas mulleres do partido que abriron camiño. «Sobre todo das mulleres que nos precederon, que tiveron e teñen un papel relevante en este partido feminista que entre todas construímos», subliñou.
Fixo un espacial chamamento para que as e os socialistas non se esquezan nunca de axudar a aqueles que «máis confían no partido» e que son, precisamente, «os que menos teñen» e para os que hai que manter sempre «a porta aberta» do PSdeG e «os brazos prestos para recibilos». «temos que sentirnos orgullosos e orgullosas de ser socialistas, do que nos une. De levar por bandeira as palabras liberdade e democracia. Non permitamos que ninguén nolo arrebate. E, sobre todo, lembrémonos cada día da xente sinxela que quere estar do lado correcto da historia», expresou.

