concellos Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Destacamos na Gudiña o impacto positivo do novo modelo de financiamento da Deputación

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA DESTACA NA GUDIÑA O “IMPACTO POSITIVO” DO NOVO MODELO DE FINANCIAMENTO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE “MÁIS XUSTO”

Álvaro Vila destaca o rol do PSdeG-PSOE na adopción do CooperOu, “un avance importante na autonomía financeira dos concellos, que agora xa poden planificar proxectos necesarios para a veciñanza”.

“Con fondos do CooperOu puidemos superar bloqueos que tiñamos con algúns proxectos e puidemos pagar parte da débeda que herdamos dos anteriores dirixentes do PP”, sinalou Nestor Ogando.

A Gudiña, 20 de setembro de 2024. O Grupo Provincial Socialista acudiu á Gudiña para continuar a avaliar o impacto do novo mecanismo de reparto de fondos da Deputación de Ourense entre concellos (CooperOu), adoptado tras negociacións co grupo de goberno do PP. “Grazas ao traballo do meu Grupo (socialista) na Deputación foi posible este novo plan, que permite que os alcaldes dispoñamos de certa capacidade para levar a cabo proxectos acaídos coas nosas necesidades”, declarou Nestor Ogando, alcalde da Gudiña.

Acompañados do alcalde do municipio, as e os deputados socialistas visitaron, entre outros, a área de descanso de camións, onde se están a efectuar traballos de adecuación das instalacións para ofrecer un mellor servizo. “Con fondos do plan CooperOu vimos de superar os problemas que tiñamos cos vestiarios. Se ben a subvención non chega para terminar a obra, si puidemos acometer certos avances, que veremos de complementar con sucesivas achegas”, declarou Ogando.

Amais da área de descanso de camións, os fondos do CooperOu serviron para implementar melloras na condución de augas no municipio, “que se atopaba en moi mal estado, polo que puidemos poñer en marcha os traballos para recompoñer a infraestrutura”, destacou Ogando. “O resto de fondos tivemos que dedicalo a pagar parte da débeda que herdamos dos anteriores dirixentes (do PP)”, fincou o alcalde da Gudiña, facendo fincapé na flexibilidade á hora de destinar os recursos a aquelo que realmente inqueda ao seu concello.

Modelo de financiamento máis xusto

A Gudiña percibía 77.000 euros anuais. Coa entrada en vigor do CooperOu o concello pasou a recibir 168.994 euros, que tralas dúas modificacións de crédito que o PSdeG-PSOE negociou co grupo de goberno do PP na Deputación, de outubro de 2024 e abril de 2025, acadou en último termo os 268.994 euros.

“O CooperOu representa unha transformación profunda con respecto ao anterior mecanismo, cando os concellos non sabíamos con que cartos podíamos contar, dependendo estes as máis das veces da afinidade con quen mandaba na Deputación, que asignaba de xeito nominativo os fondos para fins moi concretas”, explica o voceiro socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila.

“Existe unha diferencia clara entre o de agora e o de antes, sendo agora máis xusto e implicando avances na autonomía financeira dos concellos, que poden planificar e organizar proxectos necesarios para a veciñanza”, afirma Vila. O plan CooperOu contempla o reparto dos fondos entre municipios cunha parte fixa e outra variable, segundo criterios obxectivos, como son a extensión, a poboación e a dispersión.