GOBERNO ESTATAL

Felicitámonos da aprobación dun paquete de axudas gubernamental «consecuente» para compensar as perdas do sector gandeiro na provincia de Ourense

“Proba concreta do compromiso do Ministerio con Galicia é que as nosas gandeiras e gandeiros recibirán 2.819.625 €, o cal representa case o 20% do monto consentido para todo o Estado”, explica o senador socialista.
 
Doutra banda, Galicia recibirá axudas por valor de 348.930 € para erradicar a tuberculose bovina, combater todo tipo de enfermidades animais e manter o seu status sanitario.
 
“O Ministerio cumpre coas nosas gandeiras e gandeiros, sendo xa hora de que a Xunta de Galicia arrime o ombreiro para facer fronte a ameazas que son da súa competencia”, sentenza Rodríguez Villarino.
 

Madrid, 24 de setembro de 2024. O senador socialista, Rafael Rodríguez Villarino, felicítase da “aprobación dun paquete de axudas consecuente por parte do Goberno de España para compensar ao sector gandeiro polos prexuízos económicos derivados da Enfermidade Hemorráxica Epizótica (EHE), que azotou de cheo á provincia de Ourense”. “Proba do compromiso do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación con Galicia é que os gandeiros da nosa comunidade recibirán 2.819.625 €  dos 15 millóns de euros para todo o Estado, o cal representa case o 20% do monto consentido”, explica Rodríguez Villarino. 
 
Rodríguez Villarino fai alusión ao paquete de medidas ratificado na reunión de hoxe do Consello de Ministros, onde mediante Real Decreto foron aprobadas as bases reguladoras das axudas para resarcir ao sector gandeiro polos prexuízos económicos ocasionados pola EHE. Ademais, autorizouse a distribución de fondos por valor de 15 millóns de euros entre as comunidades autónomas para compensar as perdas por animais, gastos por desinfectar as explotacións e mesmo veterinarios, incluíndose aquí os desembolsos para a adquisición de vacinas, se gandeiras e gandeiros decidiron utilizalas de xeito voluntario.
 
Axudas adicionais para o sector

“Doutra banda, Galicia recibirá axudas por valor de 348.930 € para erradicar a tuberculose bovina, de xeito que o noso territorio recibirá subvencións por valor de 3.168.555 € entre ambas liñas de apoio económico estatal”, subliña o senador socialista. Estas partidas ás que fai alusión Rodríguez Villarino integran os 23.092.501,35 € que destina o Goberno do Estado para axudar ao sector gandeiro a combater enfermidades animais e manter seu status sanitario.
 
Para Rodríguez Villarino, “adicionalmente o impulso do Goberno central fixo posible que exista, xa dende o pasado mes de agosto, unha vacina contra a EHT que gandeiras e gandeiros poden utilizar se así o deciden, cumprindo o compromiso establecido no foro de Toledo para traballar coas empresas farmacéuticas e poñer unha vacina eficaz e accesible ao dispor do sector”. “O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cumpre coas nosas gandeiras e gandeiros, sendo xa hora de que a Xunta de Galicia arrime o ombreiro para facer fronte as ameazas á nosa cabana vacúa, xa que son da súa competencia”, sentenza o senador socialista.